publicidade hoxe

Caldas de Reis participa no proxecto ERASMUS + A Mocidade en Acción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisGalicia exterior
A-
A+
o alcalde de Caldas de Reis cos xóvenes participantes no proxecto

o alcalde de Caldas de Reis cos xóvenes participantes no proxecto

O Concello de Caldas de Reis, conxuntamente coa Cámara Municipal de Caldas de Vizela (Portugal) están a realizar estes días un proxecto europeo no marco do programa “ERASMUS + A Mocidade en Acción”. O proxecto forma parte das accións conxuntas que os dous concellos están a levar a cabo desde o seu irmandamento no ano 2013. 

O proxecto denominado “Espelhos de Água”, é unha candidatura presentada pola Asociación portuguesa “Vizela Imaginactiva”, con sede no concello portugués, e á que se uniron as asociacións caldenses “Esmorga” e “Aindamáis”. 

O proxecto está a levarse a cabo en Vizela até o 8 de setembro e participan 20 mozos dos dous municipios. O obxectivo principal é o de impulsar a cooperación estratéxica no ámbito da mocidade e a aprendizaxe non formal; así como a de mellorar as capacidades das organizacións de xóvenes, por unha banda, e as autoridades públicas dos países asociados, por outra.

O programa de actividades que desenvolverán o grupo de mozos terá como eixo vertebrador a auga como recurso de desenvolvemento local e de lecer.

Onte, día 31, chegaban os mozos caldenses a Vizela e tiveron o seu primeiro encontro a través de dinámicas de coñecemento co obxectivo de “romper o xeo” e crear un ambiente de confianza.

Os mozos e mozas que participan estiveron a realizar durante varios días actividades previas de preparación, nas que fixeron recollida de fotografías de Caldas relacionadas coa auga, así como a recompilación de lendas e historias caldenses.

Tamén viaxaron con algún instrumento musical para poder facer dinámicas de grupo cos mozos portugueses. Así mesmo, levaron a Portugal auga termal da Fonte da Burga, xa que alí realizarán unha actividade simbólica unindo as dúas augas como nexo entre as dúas vilas termais.

Entre as actividades que están previstas atópanse visitas culturais á cidade do Porto, práctica de surf na praia de Matosihos, descenso en canoas, mesas redondas, exposición de fotografía dos dous concellos, activismo creativo, realización dunha curtametraxe, visita ás termas e coñecemento dos tratamentos termais, etc.

Teñen establecido como un dos obxectivos a creación da “Irmandade da Água” para crear proxectos futuros. Tamén se creou un Facebook público “Espelhos de Água” onde os mozos van recollendo fotografías e intercambio de experiencias e sensacións. 

O concello de Caldas ten experiencia neste tipo de actividades con mozos, xa que participou como organizador e como socio noutras accións europeas de mocidade, en concreto con varios municipios de Grecia. 

Onte o Alcalde de Caldas de Reis despedía aos mozos e este venres estará en Vizela para visitalos e inaugurar a exposición de fotografía conxuntamente coas autoridades vizelenses así poder gozar e intercambiar experiencias a través de varias actividades.

1 de setembro de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.