publicidade hoxe

Cabanas abre o prazo de inscrición para as actividades do novo curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

As Concellarías de Cultura e Deportes do Concello de Cabanas informan de que o prazo de inscrición das actividades para o próximo curso 2015/2016 xa está aberto e rematará o venres día 18 de setembro de 2015. As clases darán comezo a partir do xoves día 1 de outubro de 2015 para as actividades dos nenos e rapaces. No caso dos adultos, as clases comezarán a partir do xoves 15 de outubro de 2015 (no horario correspondente a cada actividade)

As fichas de inscrición, información xeral, follas de domiciliación e horarios, tanto das actividades culturais e deportivas como das de Música, pódense recoller no Departamento de Cultura e Deportes do Concello ou ben baixalas da páxina web do concello (www.cabanas.es).

Para a realización das actividades deberá existir un número mínimo de participantes. O devandito número dependerá do tipo de actividade e a ratio máxima estimada.

As actividades que se ofertan para os máis pequenos son as seguintes: manualidades, inglés, psicomotricidade, predeporte, multideporte, baile moderno, judo, patinaxe, fútbol sala (a partir dos 14 anos), deportes nas instalacións da Veiga, atletismo e piragüismo.

Todas as actividades dos/as nenos/as e rapaces/rapazas, realizaranse en Porto (no soto do CEIP Eladia Mariño e no pavillón), agás a actividade de deportes na Veiga (levarase a cabo nas instalacións da Veiga) e Música (as clases impartiranse no antigo concello).

Con respecto a música, ofértanse as seguintes actividades: iniciación á música (para nenos/as entre 3 e 6 anos); e, a partir dos 7 anos: linguaxe musical e harmonía; coro; guitarra; piano e violonchelo.

As actividades que se ofertan para os adultos son as seguintes: corte e confección, bolillos, pintura, inglés, aeróbic, bailes de salón, ioga, pádel, pilates. tai chi, tenis, ximnasia terapéutica e zumba.

8 de setembro de 2015 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.