publicidade hoxe

Brión presenta o programa de Santa Minia que este ano coincide en domingo o Día Grande da festa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión vén de pechar o programa da tradicional Romaría de Santa Minia, que este ano terá lugar os días 25, 26 e 27 de setembro. O feito de que o Día de Santa Minia coincida en domingo fai prever unha maior afluencia de romeiros ca en anos anteriores e dende a organización xa teñen constancia das moitas excursións que se están preparando por toda Galicia para visitar Brión o domingo 27 de setembro. Se o tempo acompaña, a marca a superar serían os 50.000 visitantes rexistrados en 2009, última vez na que o Día Grande da festa coincidiu en domingo.

As tres xornadas de celebración contarán coa actuación de cinco importantes orquestras do panorama musical galego e cunha ampla programación complementaria de espectáculos que terán a Carballeira de Santa Minia como centro de operacións. Na súa contorna instalaranse as habituais polbeiras, atraccións de feira e os postos de venda de rosquillas, velas, obxectos relixiosos ou xoguetes para os nenos, entre outros produtos.

Programa

Deste xeito, na xornada do venres 25, a festa comezará ás 12:00 horas coa actuación da charanga “Os Campantes” (A Baña). A tarde estará dedicada aos máis pequenos, da man do Mago Romarís e o seu espectáculo “Ilusións Ópticas”, que inclúe obradoiros, exhibición de maxia e unha exposición entre as 17:00 e as 21:00 horas. A nota musical correrá a cargo da charanga “Os Celtas”, que darán paso á primeira das verbenas nocturnas coas orquestras “Ciudad Cristal” e “América”, a partir das 22:30 horas.

O sábado 26, día de Vésperas, a música será a protagonista da mañá coas actuacións da charanga “Os Celtas” (10:00 h.) o grupo de música e danza tradicional “Alxibeira” de Narón (12:00 h.) e a sesión vermú coa orquestra “D´Moda”. Xa pola tarde, ás 17:00 horas terá lugar a actuación de Peter Punk co espectáculo “A chungatrona”, que dará paso a unha das actuacións que máis éxito tivo o ano pasado: Odaiko Percussion Group con “Vaia Banda”, para a que contarán coa colaboración da Banda de Música Municipal de Brión.

A percusión seguirá sendo a protagonista da tarde do sábado coa actuación de Trópico de Grelos (20:00 horas) e coa Charanga Mekánica (19:00 horas), que darán paso á verbena coas orquestras “Capitol” e “D´Moda”. Á medianoite terá lugar un dos momentos máis importantes da festa: a queima da fachada da capela de Santa Minia e unha gran tirada de fogos de artificio.

O domingo 27, día de Santa Minia, o ambiente comezará a animarse a partir das dez da mañá coa actuación dun clásico desta festa: a Charanga Mekánica. Ás 12:00 horas, es escolas de baile, gaita, pandeireta e canto tradicional do Concello de Brión farán unha actuación previa á sesión vermú, que correrá a cargo da orquestra “Passarela”. Xa pola tarde, O Sonoro do Maxín presentará o espectáculo “A onda sonora na rúa”, que dará paso ao XI Certame de Bandas de Música, que este ano contará coa actuación da Banda de Música de Ordes e da Banda de Música Municipal de Brión. Ás sete volven os Festicultores Troupe, este ano co espectáculo “10 anos de festicultura”. Da verbena nocturna do venres encárganse as orquestras “Passarela” e “Aramio”.

Oficios relixiosos

No que respecta á parte relixiosa, os fieis que se acheguen durante os días da romaría terán un amplo horario de misas. A Novena terá lugar do 17 ao 25 de setembro, todos os días ás sete da tarde, agás o domingo 20, que será ás doce do mediodía. O sábado 26 (Véspera), as misas serán ás 9:00, 12:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas. O día 27, o principal da festa, sucederanse misas a cada hora desde as nove da mañá ata a unha do mediodía, sendo esta última a misa solemne. E pola tarde, de novo misas horarias entre as 17:00 e as 20:00 horas.

Por motivos de seguridade, un ano máis as velas dos devotos non se depositarán na capela, senón nun local anexo á finca onde teñen lugar as misas (xusto enfronte da capela). Dende a parroquia teñen todo organizado para que se poidan prender velas nese lugar e depositar as figuriñas de cera, con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia. 

15 de setembro de 2015 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.