publicidade hoxe

Bravo Bosch comproba o inicio da vendima na denominación de orixe Rías Baixas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSalvaterra de Miño
A-
A+
Bravo Bosh na visita á adega

Bravo Bosh na visita á adega

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá as instalacións da adega La Val, situada na parroquia de Arantei no Concello de Salvaterra do Miño, co obxectivo de comprobar o inicio da vendima nesta zona que se atopa dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Acompañada polos responsables da adega, Fernando Bandeira e Antonio Ruiloba, o alcalde da localidade, Arturo Grandal, e o xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Pérez Dubois, a delegada da Xunta percorreu a finca e felicitou aos seus responsables no seu 30 aniversario pola produción e comercialización dun viño “de gran calidade” pertencente á D.O. Rías Baixas.

Bravo Bosch destacou así que, segundo os últimos estudos realizados polo Consello Regulador, nesta campaña vanse recoller entre 32 e 34 millóns de quilos de uva en toda a Denominación de Orixe. A responsable da Administración Autonómica na cidade incidiu así no apoio aos viticultores por parte da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural e do Mar, destinando case medio millón de euros este ano para os plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia. Así, na D.O. Rías Baixas, estes plans permitirán mellorar 32 hectáreas, cunhas axudas que roldarán os 271.256 euros, é dicir, case o 60% do total aportado para a comunidade autónoma.

Bodegas La Val S.L. foi fundada no ano 1985 co obxectivo de producir e comercializar viño amparado pola Denominación de Orixe Rías Baixas, para o que contaba con plantacións de viñedo e unha adega situada en San Miguel de Tabagón, no Concello de O Rosal. Mentres aumentaba o volume da súa produción, ampliaba a superficie do viñedo propio ata que, no ano 2004, completou o traslado das súas oficinas e da adega a súa ubicación actual no lugar de Muguiña, na parroquia de Arantei.

O edificio que acolle a nova adega se atopa dentro dunha plantación de 35 hectáreas cunha superficie útil de 6.600 m2, dos cales 3.800 son ocupados exclusivamente pola adega e o resto están destinados a outros usos coma recibidor, oficinas, salóns para eventos, laboratorio, cociñas, salas de cata, etc. Actualmente conta con viñedos en Arantei e Porto (Salvatierra de Miño), Taboexa (As Neves) e Pexegueiro (Tui).
Na anterior campaña produciu un total de 440.000 quilos de uva dos que un 66% corresponden a viñedo propio. Só elabora viños brancos, principalmente de uva da variedade albariño e conta con 14 traballadores e unhas instalacións e maquinaria modernas. A capacidade de elaboración actual rexistrada pola adega é de 1.065.000 litros e a súa capacidade de embotellado é de 24.000 botellas cada 8 horas.

La Val está presente en máis de 20 países de todo o mundo e, no ano 2014, a súa comercialización repartiuse entre Galicia (12%), España (15%), a exportación (62%) e o resto a venda directa na propia adega. Neste último ano, La Val consolidou así os seus principais destinos de exportación ao tempo que seguiu a apostar por novos mercados coma Australia ou Rumanía.

Por último, a delegada aproveitou a visita a esta empresa para recordar a importancia do sector vitivinícola, non só para a provincia de Pontevedra senón tamén para toda Galicia, lembrando así as axudas á industrialización e comercialización que se outorgan a través da Consellería de Medio Rural e do Mar para este fin e que, no caso de Bodegas La Val, chegaron case aos 26.300 euros para distintas melloras coma foron a impermeabilización e reparación de forxado ou para a etiquetadora.

17 de setembro de 2015 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.