publicidade hoxe

Bardaos “is different” coas Festas de Santa María e do San Pipote

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Bardaos empeza hoxe a festa. Ben, para falar con propiedade, levar xa leva de festa toda a semana. Polo menos parte da parroquia máis desacomplexada co que poidan dicir dela por ir empatando un día de troula e outro tamén desde a fin de semana pasada. Porén, o que se di oficialmente, as festas na honra de Santa María comezan esta noite no local social da parroquia coa actuación ao vivo do grupo “Los Claretes”. O venres e mailo sábado a marcha trasládase ao pé da igrexa, onde está previsto que actúen a Galilea e a Garibaldi un día e a Foliada e Triunfo o outro.

Que Bardaos is different á hora de celebrar a patroa é sabido de vello. Pero cada ano supérase, como deixa claro o cartel anunciador deste 2015. Fixeron un programa que emula o time-line do facebook e que, de novo, é un resume da idiosincrasia da parroquia. Un cartaz deses de ler con detemento e de gardar para o futuro, cheo de humor e de chispa. O deseño non deixa nada ao azar e, ademais de falarnos das orquestras e das actividades paralelas, tamén lle pon cara aos principais responsables do choio: Manolo da Sanguiñeira, Andrés de Teruca e Pepe de Alfredo, que volven xuntarse na comisión despois daquel lonxano 1994 no que os tres tamén armaran a festa.

Daquela aínda era Santa María de Bardaos a secas. Pero pouco despois entrou en xogo un elemento que case canibalizou a patroa de portas para fóra: o San Pipote. E dicimos “de portas para fóra” con coñecemento de causa, porque en Bardaos saben ben que unha cousa é a santa e outra distinta o pipote cheo de viño, aínda que todo cadre no tempo e todo se celebre por igual e a pesar de que a quen non é de alí -quen só vai á festa- lle pareza que o principal é a barrica da que chuchar kalimotxo ad libitum.

E é que o San Pipote naceu no 1997 co obxectivo de “levantar o ánimo da festa”, tal e como lle asegurou á TVG Carlos Cobelo, un dos armadanzas desta peculiar manifestación pagá que ten o seu momento culminante na noite do sábado para o domingo, cando o bocoi entra en procesión solemne no campo da festa seguido da Pipotina e do Pipotiño. Ser levador ou levadora de semellantes santidades é unha honra para calquera da parroquia e un rito iniciático de aceptación na tribo para os poucos “venideros” aos que se lles permite compartir a carga mentres non boten algún tipo de raíz afectiva nesta terra. 

A procesión para diante do escenario e nese momento -a iso da 1.30 da madrugada- chega a hora do pregón. Cobelo é o sumo pontífice desta congregación constituída como asociación cultural á marxe das comisións que van pasando todos os anos e, como tal, é o responsable de pregoar a festa. Sempre crítico, sempre anárquico no discurso, sempre para esmendrellarse coa risa… e sempre cun minuto para lembrar a quen estivo o ano pasado e xa non está neste. Cobelo en estado puro, vaia.

Dito isto e repasado todo o repasable da historia e en que consisten as festas maiores de Bardaos, toca agora falar do programa que comeza esta noite de xoves. No local social actuarán o grupo Los Claretes, que fan versións dos anos 80. Será a partir das… ¿23.00h?. Si, quizais sexa unha boa hora aproximada xa que o cartel non pon nada… nin falta que fai, porque como dirían en Bardaos: cando cheguedes xa chegastes… e xa que chegastes, xa estades para botarlle algo e disfrutar da música.

O venres ás 13.30 haberá misa e sesión vermú coa orquestra Galilea, que repetirá pola noite coa Garibaldi. Á tarde tamén haberá pasarrúas pola parroquia. O sábado -día en que a parroquia multiplica por vinte a súa poboación- repítese o esquema: misa ás 13.30, sesión vermú despois coa Foliada e, a partir das 23.30h., verbena con esta formación e Triunfo. Porén, pola tarde -18.00h.- a área recreativa acollerá outro dos eventos que só Bardaos é capaz de parir: as Olimpiadas parroquiais. Non son exactamente unha competición deportiva, nin son exactamente xogos, nin son exactamente tradicionais… e, ao mesmo tempo, son todo iso e máis. Carreira de sacos… en grupo dentro dun bigbag, carreiras despois de marearse dando voltas, carreira de carretillas…humanas, gincana con beba de 1906 incluída -a Estrella ben podería patrocinar calquera cousa organizada pola parroquia-, loita “a muerte” sobre un estanque, etc. 

Para ir acabando. Queremos dicir que entre o de hoxe á noite, o do venres e o do sábado, hai razóns de sobra para pasar por Bardaos -haber hainas sempre, pero esta fin de semana máis- e participar nas que, seguramente, sexan unhas das festas máis xenuínas de cantas poden atoparse en Galicia. Ou quizais no mundo mundial.

10 de setembro de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.