publicidade hoxe

As recentes choivas deixan ao descuberto a “chapuza” no muro de Taboadelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Desperfectos no muro de Taboadelo

Desperfectos no muro de Taboadelo

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, volveu a criticar indignado a situación na que se atopa o muro de Taboadelo feito nos derradeiros días de mandato do anterior rexedor do PPdeG, Perfecto Rodríguez.

“As recentes choivas deixan ao descuberto a chapuza herdada de Perfecto Rodríguez un muro feito de xeito electoralista a correr e mal”, sinalou Andrés Díaz quen manifestou que “agora tócanos a nós ter que resolver un problema grave e a gastar, de novo, cartos cos que non contabamos e que terán que ir con cargo aos orzamentos do vindeiro exercizo”.

Ao parecer, o muro construiuse utilizando como recheo terra negra inadecuada para este tipo de traballos polo que deberase, agora, acometer a súa práctica construcción de novo aplicando material compactado que garanta a súa eficiencia para os traballos e o cometido que ten que ofrecer.

O alcalde Andrés Díaz recordou indignado que “a este problema detectado polos veciños tocaranos agora a nós solucionar. Forman parte da herdanza do Sr. Rodríguez máis preocupado en tentar gañar as eleccións que en resolver axeitadamente as demandas veciñais e, así, agora vémonos diante destas graves consecuencias para a seguridade vial e para a economía do Concello”.

O rexedor deu orde urxente de tomar medidas precautorias para preservar a seguridade vial e dos veciños que transitan pola zona.

“RODRIGUEZ DILAPIDOU IRRESPONSABLEMENTE O ORZAMENTO PARA QUE NON TIVERAMOS MARXE DE MANIOBRA NIN PARA ATENDER O MAIS URXENTE E NECESARIO COMO NO CASO DESTE MURO, QUE TERÁ QUE RESOLVERSE CON CARGO AOS ORZAMENTOS DO VINDEIRO ANO”

Asemade, o alcalde sinalou que ante a falla de orzamento, o equipo de goberno tentará resolver o problema canto antes aínda que terá que ser con cargo aos orzamentos do ano que ven. Perfecto Rodríguez dilapidou irresponsablemente o orzamento para que o novo equipo de goberno non tivera marxe de maniobra nin para atender o máis urxente e necesario. Desde logo é unha auténtica temeridade, que se une a outro tipo de decisións para deixar baleiras as arcas municipais como gastar 15.000 euros na actuación da orquestra París de Noia a escasos días de deixar o cargo para hipotecar, dilapidar e menoscabar a capacidade de xestión do equipo de goberno actual sin importarlle as necesidades dos seus veciños nin poder resolver problemas como os que agora nos atopamos pola súa nefasta xestión”, sinalou Andrés Díaz.

22 de setembro de 2015 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.