publicidade hoxe

As persoas que desexen ser usuarias do programa Xantar na Casa na Laracha poden solicitalo no concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Desde o Concello da Laracha lembramos a todos os nosos veciños que neste municipio continúase prestando o servizo do programa denominado Xantar na casa, cuxa finalidade é garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades de cada un dos usuarios, que deben ser persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e que carezan de apoios que puideran suplir tal situación, ou ben calquera persoa, independentemente da súa idade, que sexan dependentes e non teñan apoio familiar para a preparación dos alimentos.

A través deste programa os usuarios reciben os alimentos nos seus domicilios unha vez por semana e, no caso de que non dispoñan deles, tamén se lles facilitarán os medios (microondas e neveira) para poder preparalos cada día dun xeito cómodo e sinxelo. 

O servizo é prestado polo Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar, sendo subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e tamén polo Concello da Laracha. O prezo diario do menú é de 6,27 euros, dos cales o usuario aboa unicamente 1,67 euros (o 26,67%), a mesma cantidade que achega o Concello, facéndose cargo o Consorcio do 46,66% restante.

Actualmente son 19 os veciños do Concello da Laracha beneficiarios deste programa. As persoas que cumpran os requisitos e desexen ser usuarias de Xantar na casa deben solicitalo acudindo ao departamento de servizos sociais, situado no novo edificio administrativo da Laracha (Avenida Fisterra, 60).

17 de setembro de 2015 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.