publicidade hoxe

As obras do centro de saúde de Buño marchan segundo os prazos establecidos

Rocío Mosquera na visita ás obras

Rocío Mosquera na visita ás obras

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou hoxe as obras do futuro centro de saúde de Buño, unhas instalacións completamente novas que unha vez en funcionamento poderán atender a unha poboación de ao redor de 1.800 persoas.

O edificio -cofinanciado nun 50% por fondos do Estado, dentro do Plan de Desenvolvemento Rural Sustentable- ten un importe de 624.810 euros, e a superficie que se construíu é de 524 metros cadrados. Contará cunha área médica con tres consultas de medicina xeral e unha consulta de enfermería; e unha área de administración cun arquivo, almacéns e outros servizos comúns, necesarios para o correcto funcionamento do centro.

A obra de construción comezou o pasado mes de febreiro, coa formalización da acta de comprobación de replanteo. O de Buño foi o primeiro dunha serie de 15 centros de saúde cuxas obras están xa en marcha ou a piques de empezar, e que supoñen un investimento previsto neste ano 2015 de 20,3 millóns de euros.

Estes centros virán a sumarse aos 20 xa rematados e postos en funcionamento, e aos 9 reformados, así como 2 novos consultorios: entre todos eles, prestan servizos de Atención Primaria a 300.000 cidadáns.

Aposta tamén polos centros hospitalarios

“Así, nun momento economicamente tan difícil, na maior crise económica coñecida, fomos quen de buscar financiamento para mellorar as infraestruturas, non só de atención primaria, senón tamén dos hospitais”, observou a conselleira.

Neste sentido, indicou que acábase de poñer en marcha un edificio da magnitude do Hospital Álvaro Cunqueiro; continuarase coa construción dun novo edificio de hospitalización do CHUO, con 22 millóns de euros en 2015; seguirase co proxecto de reforma e ampliación do CHUAC, con 7,3 millóns de euros; e iniciouse a obra de reforma e ampliación do Hospital do Salnés, cun investimento tamén para este ano de 5,4 millóns de euros.

Esta intervención enmárcase nunha das liñas da Estratexia Sergas: modernizar as infraestruturas da rede de Atención Primaria. O obxectivo da Xunta de Galicia é facelo de xeito sostible e mellorar tanto a asistencia prestada aos cidadáns como o contorno de traballo dos profesionais.

Por iso, apóstase tamén pola modernización da dotación de tecnoloxía médica e de comunicación nos centros de saúde para incrementar a súa capacidade de resolución e poder achegar a asistencia o máximo posible á poboación. Con este fin estanse a investir 1,4 millóns de euros para reformas e adquisición de equipamento nos centros de saúde neste ano.

“Seguiremos, en definitiva, mellorando a capacidade resolutiva da Atención Primaria, reforzando o seu papel nuclear a través de todas as ferramentas que teñamos dispoñibles e mellorando a capacidade e dilixencia na derivación para aqueles pacientes ou situacións que non son abordables no primeiro nivel asistencial”, concluíu Rocío Mosquera.

2 de setembro de 2015 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.