publicidade hoxe

As obras de construción do centro de saúde de Cambre estarán rematadas a finais deste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+
Rocío Mosquera na visita ás obras do centro. Foto: M. Fuentes

Rocío Mosquera na visita ás obras do centro. Foto: M. Fuentes

As obras de construción do centro de saúde do Temple, Cambre, avanzan a “moi bo ritmo” segundo declarou hoxe a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na súa visita para comprobar o seu estado. O edificio -cofinanciado nun 50% por fondos do Estado, dentro do Plan de Desenvolvemento Rural Sustentable- conta cun orzamento de 2,1 millóns de euros e ten un prazo de execución de 9 meses, polo que estará rematado a finais deste ano.

Os espazos máis importantes recollidos no programa funcional do centro, que contará cunha superficie de ao redor de 1.700 m2, son, na área de medicina xeral e enfermería, 6 consultas de medicina xeral e 4 de enfermería; unha para a matrona; unha sala de educación maternal; unha consulta de docencia; unha consulta de fisioterapia e unha sala de fisioterapia con 4 cabinas de tratamento; unha sala de extraccións, outra para técnicas e unha máis polivalente, ademais do despacho para o coordinador.

Na área de pediatría, disporá de dúas consultas de pediatría e outra de enfermería pediátrica. A todo o anteriormente sinalado haberá que engadir a área de administración, o arquivo, os almacéns e outros servizos comúns.

Esta obra enmárcase na construción dunha serie de centros de saúde distribuídos por toda a xeografía galega que contan cun investimento previsto neste ano 2015 de 20,3 millóns de euros.

Ademais, estes centros virán a sumarse aos 20 xa rematados e postos en funcionamento, e aos 9 reformados, así como 2 novos consultorios que, entre todos eles, prestan servizos de Atención Primaria a 300.000 cidadáns.

Renovación dos centros hospitalarios

“O Sergas ten en marcha un ambicioso proxecto de renovación das nosas infraestruturas, tanto en atención primaria como en hospitalaria”, informou a conselleira.

Neste senso indicou que esta semana rematará o proceso de posta en marcha do Hospital Público de Vigo; continuarase coa construción dun novo edificio de hospitalización do CHUO, con 22 millóns de euros en 2015; seguirase co proxecto de reforma e ampliación do CHUAC, con 7,3 millóns de euros; e continuarase a obra de reforma e ampliación do Hospital do Salnés, cun investimento tamén para este ano de 5,4 millóns de euros.

“Continuaremos, pois, mellorando a capacidade resolutiva da Atención Primaria, reforzando a súa capacidade a través de todas as ferramentas que teñamos dispoñibles, e mellorando a capacidade de dilixencia na derivación para aqueles pacientes ou situacións que non son abordables no primeiro nivel asistencial”, subliñou Mosquera.

23 de setembro de 2015 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.