publicidade hoxe

As escolas deportivas ofrecen 2500 prazas para que participen os rapaces cangueses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Esta mañá tivo lugar a presentación do XII Programa Deportivo Escolar para o curso 2015/2016, un conxunto de actividades extraescolares que se ofertan dende a Fundación Cangas Deporte para os rapaces de educación infantil e primaria dos 10 centros educativos do Concello de Cangas. Un total de 2500 prazas dirixidas aos escolares da vila.

As Escolas Deportivas ofrecen un total de 16 actividades diferentes: atletismo, baloncesto, ciclismo, patinaxe, paddel surf, piragüismo, psicomotricidade, taekwondo, taikic, tenis, tenis de mesa, vela, voleibol, windsurf, xadrez e ximnasia. Estas serán impartidas polos monitores responsables dos propios clubs deportivos do municipio, xa que “o obxectivo principal deste programa é dar a coñecer a actividade nos colexios, e se lles gusta, que o seu tránsito a un club sexa máis sinxelo”, afirmaban dende a Fundación Cangas Deporte. O prezo das actividades roldará entre os 40 e os 50 euros ao ano, é dicir, sobre 5 euros ao mes.

O programa ten unha duración de 8 meses, iniciándose o próximo luns día 5 de outubro e abranguerá ata o 31 de maio de 2016. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o vindeiro venres 25 de setembro ás 14:00h e a matrícula debe formalizarse nas oficinas da Fundación  Cangas Deporte (Casa da Xuventude de Cangas) en horario de luns a venres, de 09:00/14:00h, ou a través do correo electrónico: fundacion@cangasdeporte.com.

Dende a Fundación Cangas Deporte agradecen “a enorme colaboración das ANPAS, centros escolares e clubs do municipio, sen a cal sería moi complicado levar a cabo este Programa Deportivo Escolar”. Resalta que hoxe en día son moitos os nenos e nenas que comezaron nas Escolas Deportivas da Fundación e que, co paso dos anos, conseguiron grandes resultados deportivos a nivel autonómico e nacional nas súas respectivas modalidades.

O Presidente- Delegado da Fundación Cangas Deporte e concelleiro de Deporte, Xoán C.Chillón destacou a importancia do fomento da actividade deportiva en idade escolar así como os valores que se adquiren. Este ano, por estimacións de anos pasados, prevese a participación de máis de 700 nenos, polo que Chillón chamou á necesidade de “aumentar cada ano o número de participantes”. Ademais, adiantou que paralelamente “estanse a pensar propostas e festas deportivas concretas promocionando actividades físicas no ámbito escolar así como para persoas con discapacidade, sexa física ou intelectual”.

14 de setembro de 2015 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.