publicidade hoxe

As brigadas medioambientais municipais acometen a limpeza do entorno do río Acheiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Limpeza do río Acheiro

Limpeza do río Acheiro

O Concello da Laracha continúa desenvolvendo labores de limpeza e acondicionamento nos leitos e nas canles dos ríos, actuacións que están a ser executadas continuadamente desde o principio do verán cos obxectivos fundamentais de poñer en valor estas áreas de especial riqueza natural e paisaxística da zona interior do Concello da Laracha. Estes traballos tamén están permitindo facilitar o acceso a camiños e sendeiros, potenciando deste xeito a realización de rutas a pé por estes lugares.

Despois de acometer estes traballos ao longo de todo o tramo do río Anllóns que discorre polo termo municipal da Laracha, as brigadas medioambientais municipais céntranse agora no río Acheiro, actuando desde a ponte de Amboade (parroquia de Vilaño) en dirección a A Beria (Golmar). Ao longo das primeiras xornadas de traballos xa foron obxecto destes traballos un tramo de aproximadamente un quilómetro de lonxitude lineal.

As labores que se están a realizar consisten esencialmente na eliminación da maleza nas inmediacións do río, a limpeza integral do lixo e a retirada dos residuos vexetais que poidan causar o estancamento da auga, especialmente troncos e árbores caídas.

Os operarios municipais que están a realizar estes traballos foron contratados polo Concello da Laracha no marco do programa de fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais convocado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Por tanto, estase alcanzando o dobre obxectivo de levar a cabo actuacións de interese xeral para a veciñanza e, ao mesmo tempo, crear postos de traballo.

28 de setembro de 2015 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.