publicidade hoxe

As augas de Baiona acollerán o prestixioso Trofeo Príncipe de Asturias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación do Trofeo Príncipe de Asturias. Foto: Carlos Rúa

Presentación do Trofeo Príncipe de Asturias. Foto: Carlos Rúa

No Monte Real Club de Iates xa está todo listo para a celebración da cita máis importante coa vela en Galicia e unha das máis prestixiosas do panorama náutico español, o Trofeo Príncipe de Asturias, que este ano cumpre a súa trixésima edición. Os días 4, 5 e 6 de setembro, a vila mariñeira de Baiona acollerá as probas desta nova edición da regata, na que competirán barcos de distintas divisións ORC Cruceiro – Regata, J80s, Fígaros e Clásicos. As probas darán comezo o venres pola tarde, a partir das catro menos cinco, coa saída ao mar dos ORCs 0, 1, 2 e 3, os J80s, e as tripulacións femininas de Ladies Cup, para disputarse varios percorridos barlovento-sotavento. Un día despois, o sábado 5, a partir do mediodía competirá a flota ao completo.

Mentres que as embarcacións máis rápidas competirán de novo en percorridos barlovento-sotavento, os ORC 4, ORC Open e Clásicos, pelexarán pola vitoria nunha regata costeira. O domingo día 6, tamén a partir do mediodía, celebrarase a terceira e última xornada de probas, co mesmo esquema de competición que o día anterior. Unha vez finalizadas as regatas terá lugar a entrega de premios aos gañadores, ás seis da tarde nas instalacións do Monte Real Club de Iates. Neste 2015, o Trofeo Príncipe de Asturias é tamén Campionato Ibérico de J80 E Copa España de Cruceiros. Incluirá, ademais, a segunda proba do Trofeo Presidente da Xunta e a terceira e última do III Circuíto Atlántico de Cruceiros, tras as regatas previas disputadas en Portugal. No marco da competición disputarase tamén a Ladies Cup e entregarase o Trofeo Conde de Barcelona, que premia ao mellor barco portugués.

Xunto ás probas deportivas, o trofeo incluirá as súas xa tradicionais actividades paralelas. Almorzos, encontros, charlas, gravacións de programas, degustacións, festas e fogos artificiais converterán ao evento no perfecto punto de encontro para os navegantes. Serán, en definitiva, tres días de competición e diversión para as mellores tripulacións de España e Portugal, que se farán realidade grazas á organización do Monte Real Club de Iates e a Escola Naval Militar de Marín, e a colaboración da Xunta de Galicia – Deporte Galego, o Concello de Baiona, a Real Federación Española de Vela e a Federación Galega de Vela. Un evento no que traballan preto de 100 persoas, que patrocinan Storax e Adegas Terras Gauda, e que conta co apoio de numerosas firmas de diferentes puntos de Galicia e España como Solventis, Panorama Vela, MacNavy, Televisión de Galicia, Coca Cola, Ana London Dry Gin, Aceites Abril, Gadis, Tomás Fernández, Pereira, Tuypan, Denominación de Orixe Arzúa Ulloa, Denominación de Orixe San Simón da Costa e Óptica Real / Zero RH, que non quixeron perderse o trinta aniversario do trofeo.

Avanzando na integración das persoas discapacitadas

Nesta trixésima edición do Trofeo Príncipe de Asturias haberá, por primeira vez, un equipo composto por persoas con algún tipo de discapacidade. Son alumnos do Centro de Atención a Persoas con discapacidade de Redondela (CAPD), que ao longo deste 2015 foron tamén alumnos da Escola de Vela Adaptada do Monte Real Club de Iates. Esta iniciativa pretende que persoas con algún tipo de discapacidade poidan competir en igualdade de condicións nunha regata das máis prestixiosas de España, xunto a outras persoas sen discapacidade. Participarán, ademais, no resto de actividades programadas no evento, como almorzos, festas e entregas de premios.

Premios Nacionais de Vela Terras Gauda

Como vén sendo tradición desde fai 23 anos, no marco do Trofeo Príncipe de Asturias entregaranse, un ano máis, os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, uns prestixiosos galardóns cos que se distingue a aquelas persoas e institucións que, ao longo do ano, traballaron para promocionar e impulsar o mundo da vela desde diferentes ámbitos. Nesta ocasión os premiados son Estaleiros Lagos, como precursor da industria náutica española; o Solventis, como mellor tripulación amateur da clase ORC; e Fifty e Movistar, como mellores barcos das clases ORC 0-1 e 2-3 respectivamente. O catalán Alex Pella recibirá o galardón ao mellor navegante oceánico en solitario, e o coruñés Chuny Bermúdez de Castro ao navegante do ano, tras a súa vitoria na Volvo Ocean Race. O arxentino Juanpa Cadario, recollerá o Premio Mariano Augado de Comunicación e Fundación Repsol o de patrocinador do ano.

Os galardóns entregaranse nunha gala que terá lugar o sábado día 5 a partir das oito da tarde no Monte Real Club de Iates. Os premiados recibirán como trofeo unha reprodución do mastro de sinais Rafael Olmedo do Monte Real, chamado así en homenaxe ao seu histórico presidente, falecido o pasado mes de febreiro.

2015, o ano dos aniversarios

O 2015 está a ser, sen dúbida, un ano moi especial para o Monte Real Club de Iates. Tras a nota triste que supuxo a perda, en febreiro, do seu histórico presidente Rafael Olmedo Limeses, en marzo o club cumpriu medio século de vida e en xuño recibiu a visita do A súa Maxestade o Rei Don Felipe, quen inaugurou nas súas instalacións a exposición fotográfica “Monte Real: 50 anos de historia”. O 2015 foi tamén o ano dos aniversarios de dous das principais regatas organizadas polo club baionés, o Trofeo Conde de Gondomar, cuxa cuadraxésima edición se celebrou o pasado mes de xullo; e o Trofeo Príncipe de Asturias, que nuns días cumpre 30 anos. Tres décadas pasaron xa desde aquela primeira edición da competición celebrada en 1986, cando 70 embarcacións colocáronse na liña de saída, batendo o record de participación dunha regata en España. Nacía así un dos trofeos destinados a converterse nunha cita clave da vela española, que celebrará a súa próxima edición os días 4, 5 e 6 de setembro.

2 de setembro de 2015 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.