publicidade hoxe

Apertura do prazo de inscrición nos cursos do Ateneo Santa Cecilia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

O Ateneo Santa Cecilia de Marín ten programados máis de media ducia de cursos que comezarán a impartirse en outubro: música de banda para alumnado infantil, acordeón, gaita, guitarra e combo, batería, talla en madeira, debuxo e pintura, e teatro. As persoas interesadas -que deberán ser socias do Ateneo- pódense inscribir no local da entidade, onde tamén se lles proporcionará información dos horarios e dos prezos das actividades.

Soraya López Rodríguez dirixe a Banda de Música Infantil do Ateneo, aberta á participación de nenos e nenas con interese na aprendizaxe de calquera dos instrumentos que se interpretan nesta agrupación xa consolidada na estrutura da Asociación; canteira de novos músicos que pasan a formar parte da Banda de Música do Ateneo ou doutras formacións.

É o caso de Jesús Pazos Lema, un mozo marinense que deu os seus primeiros pasos musicais no Ateneo Santa Cecilia e que agora se dedica profesionalmente á música, logo de formarse no prestixioso Musikene de Donostia, onde enfocou o seu estilo ao jazz. Actualmente lidera bandas como Chus Pazos Ensemble e a partir do vindeiro mes impartirá clases de batería no Ateneo.

As clases de guitarra e combo estarán a cargo do músico Jesús Vidal, do que destaca a súa participación como vocalista e guitarrista na banda de rock alternativo Johnander, fundada en 2009 en Pontevedra, e que xa gravou dous discos.

No que respecta á música tradicional, Felipe Rea -o gaiteiro de Estribela- impartirá gaita para alumnado tanto infantil como adulto. Cunha ampla traxectoria musical que comezou sendo moi novo, Felipe Rea formou parte de grupos como Trompos os pés e colabourou como músico e compositor con agrupacións como PicuiñaCelme ou Retrouso, ademais de obter as primeiras clasificacións nos principais certames especializados. Tamén destaca pola súa aposta de combinar o folclore galego coa música académica, propiciando o dúo de gaita e piano Quodlibet.

A experiencia docente de Manuel Barreiro Entenza é a tarxeta de presentación do profesor de acordeón. Durante varios anos dirixiu unha academia de música en Marín e formou parte de numerosas orquestras.

Para socios e socias do Ateneo con inquedanzas interpretativas haberá clases de teatro, que impartirá Andrea Bayer, unha das artífices da compañía Baobab. Dirixou e interpretou numerosos espectáculos para público infantil, distinguidos nos principais festivais e certames teatrais; o último recoñecemento chegoulle da recente Feira de Ciudad Rodrigo 2015.

Tampouco faltará unha actividade clásica e veterana na oferta cultural do Ateneo, para as persoas con habilidades estéticas e creativas: as clases de debuxo e pintura contarán con María Jesús González Pérez como profesora.

Por último, Valentina García será a artífice do curso de talla en madeira, no que se poderán elaborar dende figuras decorativas ata prácticos utensilios.

10 de setembro de 2015 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.