publicidade hoxe

Amplíase o ámbito das áreas de rehabilitación dos concellos de Vilanova de Lourenzá e Quiroga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLourenzáLugoQuiroga
A-
A+

A Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de asinar a declaración que amplía o ámbito das áreas de rehabilitación integral nos concellos de Lourenzá e Quiroga.

As áreas de rehabilitación integral ampliadas recibirán este mesmo ano fondos públicos para o inicio das actuacións de rehabilitación, que poñan en valor o patrimonio arquitectónico destas localidades.

Por outro lado, a Xunta tamén daba o visto bo á ampliación dunha ARI do Concello de Marín, na provincia de Pontevedra e declaráronse catro novas áreas de rehabilitación na provincia de Ourense, localizadas nos municipios de San Cibrao das Viñas, Allariz, Ourense e Xunqueira de Ambía.

Case 70 ARI declaradas

Dende 1996 foron declaradas en Galicia 69 áreas de rehabilitación en 40 concellos diferentes e tamén se declarou unha ARI singular como é a área de rehabilitación dos Camiños de Santiago, que transcorre por 107 municipios das catro provincias. Deste xeito, o total de concellos galegos que dispoñen de áreas de rehabilitación ascende a 128, xa que algúns dos municipios incluídos na área dos Camiños de Santiago tamén teñen áreas e rehabilitación propias.

En total, dende o ano da súa creación, rehabilitáronse ao abeiro das Aris máis de 11.300 vivendas, cuxos propietarios recibiron axudas da Xunta e o Estado. Os concellos correspondentes tamén realizaron múltiples obras de urbanización e reurbanización no ámbito destas áreas de rehabilitación integral, recibindo tamén axudas autonómicas e estatais para ditas obras.

As achegas da Xunta e o Estado para a rehabilitación de vivendas e urbanización e reurbanización superan os 85,5 millóns de euros, que induciron un investimento de máis de 15 millóns de euros por parte dos concellos e preto de 90 millóns de euros polos propietarios das vivendas, o que supón que o programa de áreas de rehabilitación mobilizou, dende a súa creación en 1996, máis de 190 millóns de euros.

24 de setembro de 2015 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.