publicidade hoxe

Amplíase ata o 7 de outubro o prazo para solicitar o pagamento único por fillos menores de tres anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Concellería de Traballo e Benestar publicou recentemente unha orde ampliando ata o 7 de outubro o prazo para solicitar a prestación económica do pagamento único por fillos e fillas menores de tres anos. Trátase dunha axuda dirixida a familias que cumpran, entre outros, tres requisitos principais: ter fixada a residencia en Galicia, que na data de solicitude os nenos ou nenas convivan coa persoa solicitante e que non tivesen que presentar declaración da renda do exercicio de 2013. A tramitación pode facerse na Xunta -ben presencialmente ou a través de internet- ou a través da Educadora Familiar do Concello.

A orde publicada no DOG do 7 de setembro aumenta en 140.000 euros o crédito para esta partida e tamén os tempo de solicitude. Do pagamento único poderán beneficiarse persoas que teñan ao seu cargo menores de tres anos a data do 1 de xaneiro deste ano, é dicir, nados entre o 2/1/2012 e o 1/2/2015. Para poder acollerse a el é importante ter en conta o dato do IRPF, xa que será condición indispensable que nin a persoa solicitante nin ningún membro da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración do exercicio 2013 e que, ademais, tampouco o fixesen de forma voluntaria.

As contías do pagamento único son as seguintes:

Orde que ocupa o fillo/a na unidade familiar

Contía

Se é o primeiro fillo/a

360 €

Se é o segundo fillo/a

1.200 €

Se é o terceiro/a ou sucesivos

2.400 €

Cómpre ter en conta que non poderán ser beneficiarias das axudas aquelas persoas proxenitoras privadas da patria potestade ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio, a beneficiaria será a persoa que teña a custodia do neno ou nena. Cando se trate de fillos ou fillas adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2013 e o 31 de decembro de 2014, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data de resolución xudicial ou administrativa que a declare. 

O pagamento único pode solicitarse ata o día 7 de outubro a través de internet ou presentando a solicitude e a documentación necesaria presencialmente na delegación da Xunta. Outra maneira -quizais a máis cómoda- é concertando unha cita coa técnica municipal que xestiona o Programa de Educación Familiar (981 490 027 ext.1). Ela axudaranos con todo o papeleo que despois se enviará á Consellería de Traballo e Benestar por medio do Portelo Único.

17 de setembro de 2015 | 10:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.