publicidade hoxe

“Amadeirarte” presenta en Cangas a mostra de tallistas e amantes de talla de madeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+
Presentación de "Amadeirarte"

Presentación de “Amadeirarte”

Esta mañá presentábase en rolda de prensa a cuarta mostra de tallistas e amantes de talla de madeira que estará aberta ao público na Capela do Hospital entre o vindeiro venres día 18 ata o 27 de setembro. Esta exposición estará adicada ao escultor cangués Xoán Piñeiro. O colectivo cultural, artístico e artesanal Amadeirarte intenta a través desta exposición recuperar a vella tradición da talla en madeira así como da ebanistería. A mostra, dirixida por Valentina García, está feita por alumnos da asociación.

Aproveitan para adicar este ano a exposición a Xoán Piñeiro, xa que “a morte prematura deste escultor da vila non recoñece a súa obra tal e como merece, polo que é importante ter esa lembranza para o autor”. De Xoán Piñeiro recordan que naceu en Nerga, nunha familia humilde, e que dende ben cativo tivo interese polo arte e a creación. Destacan o amor pola súa terra, o mar e as xentes, o máis representativo das súas obras, así como as grandes cualidades humanas reflectidas nas súas esculturas. 

Amadeirarte

É unha asociación cultural e artística fundada o 16 de setembro de 2014 no Concello de Cangas. Os seus obxectivos son, principalmente: fomentar e facilitar a relación entre as persoas interesadas na talla da madeira; favorecer a investigación e posta en común de coñecementos  en relación coa talla; reivindicar e posicionar o valor da artesanía galega; así como dar a coñecer e difundir as obras creadas pola asociación.

16 de setembro de 2015 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.