publicidade hoxe

Alumnos de primaria de Ponte Caldelas participan nunha xornada ecolóxica na praia fluvial da Calzada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Visita dos escolares á praia fluvial

Visita dos escolares á praia fluvial

Alumnos de quinto e sexto de primaria dos colexios Cordo Boullosa e A Reigosa participaron nunhas xornadas ecolóxicas organizadas pola Xunta de Galicia, Augas de Galicia e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) na praia fluvial de A Calzada, en Ponte Caldelas.

O acto contou coa presenza do alcalde Andrés Díaz e o concelleiro do BNG e director do colexio Cordo Boullosa, Manuel Barreiro. O rexedor dirixiuse aos alumnos, antes de comezar ás distintas actividades lúdico-formativas para destacar a importancia da implicación das novas xeracións no coidado e preservación dos nosos ríos de cara ao futuro.

A actividade titulada “Ríos, moito máis que auga. Implícate no seu futuro” contou cun completo programa onde persoal de Augas de Galicia e monitores acompañados polos mestres dos respectivos colexios foron introducindo aos escolares nas posibilidades ecolóxicas e a importancia que os ríos teñen para a sociedade actual.

No apartado de “os científicos do río”, operarios de Augas de Galicia mostraron aos nenos e nenas como se mide a calidade da auga do río e os niveis de contaminación que poda afectar aos seus usos. En “decide o futuro dos ríos” os rapaces realizaron xogos de dinámica que abordaron os posibles escenarios futuros dunha paisaxe fluvial de xeito plástico e creativo.

Na actividade denominada “os coidadores do río” o persoal de Augas de Galicia mostraron a importancia de medir o caudal do río para asegurar a supervivencia das especies animais e vexetais durante as diferentes estacións do ano.

Tamén a vida animal e vexetal dos ríos tivo un apartado importante baixo o epígrafe “Quen vive nos ríos”. Aquí os escolares coñeceron os macroinvertebrados, pequenos mamíferos, aves e o bosque de ribeira que complementa a flora e a fauna dos cauces dos ríos.

Finalmente, a actividade rematou cunha actividade de reflexión “Que podemos faer polo río?” onde os participantes concluían a xornada con frases de compromiso para asegurar a conservación dos nosos ríos.

25 de setembro de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.