publicidade hoxe

Alejandro Ciurluini dálle cor ao mobiliario urbano de Sober

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+
Mobiliario pintado

Mobiliario pintado

O pintor de orixe arxentina Alejandro Ciurluini, residente na parroquia de Amandi, traballa estes días para darlle unha toque de cor a diverso mobiliario urbano do Concello de Sober. Na actualidade o artista está contratado polo Goberno local a través dun programa para a inserción laboral da Xunta de Galicia.   

Este verán o Concello de Sober aproveitou a profesionalidade e experiencia do pintor para levar a cabo un taller de pintura destinado aos nenos e nenas que tivo como resultado a decoración das fachadas interiores do edificio principal das piscinas municipais. O mural estivo dirixido por Alejandro Ciurluini e contou coa participación activa de 45 nenos e nenas da localidade.

Desde hai unhas semanas o artista decora bancos e papeleiras da capitalidade municipal e vén de rematar o pintado de todos os aparatos e o peche do parque infantil próximo ao Concello. O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, avanza que nos vindeiros días se continuarán os traballos noutro equipamento urbano de diferentes parroquias. 

Os traballos teñen como base diferentes motivos relacionados coa Ribeira Sacra, como o viño, os petróglifos ou a música. Fernández Guitián explica que “conseguen captar a atención de veciños e visitantes pola súa cor e calidade”.

24 de setembro de 2015 | 20:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.