publicidade hoxe

Adxudicadas as obras de saneamento na parroquia de Bértoa por 150.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar, fóra da orde do día, a adxudicación de dous proxectos para a realización de saneamentos na parroquia de Bértoa. Un deles refírese ao contrato administrativo de obras “Rede de saneamento no Añon”, e outro ao contrato para a “Rede de saneamento en Portolago”. No caso das dúas actuacións a empresa adxudicataria resultou ser Construcciones Ramón Vázquez y Reino por un importe de 92.565 euros no caso de Portolago, e de 54.692 euros no caso de O Añón (na imaxe), sumando o custo dos traballos un total de 147.257 euros. Así mesmo, e tamén fóra da orde do día, recibiu luz verde a licenza de obra para a construción de tres naves de Comercial Romay Castro no Parque Empresarial de Bértoa.

Trátase dunha importante empresa metalúrxica con actividade en Lalín. A firma foi adquirindo pouco a pouco varias parcelas, en parte aproveitando a rebaixa ofertada por Xestur do 50% no prezo a finais do ano pasado, para facerse cun total de 8.542 metros no polígono, aínda que segundo o proxecto, o construído serán 5.629. A fronte medirá 72 metros, e serán en conxunto tres naves, con 49 prazas de aparcadoiro industrial e dez de servizo. Ao igual que está ocorrendo con outras empresas que se están implantando no Parque Empresarial carballés, Romay Castro poderá contar cun desconto dun 95 por cento no ICIO (Imposto sobre construcións, instalacións e obras). O obxectivo desta bonificación é o de favorecer o emprego e o desenvolvemento económico, polo que se aplica a todas as empresas que teñan proxectos para implantarse en solo industrial carballés.

No apartado de contratación, a sesión tamén supuxo a aprobación do contrato administrativo de “Subministro dun vehículo furgón destinado ao Centro Municipal de Formación do Concello de Carballo”. Seguirase un procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, cun orzamento de licitación de 26.000 euros. O anuncio será publicado no BOP e abrirase un período para presentar ofertas de 15 días naturais. No que se refire a convenios, a Xunta de Goberno sacou adiante un acordo entre o Concello e Recursos Consultoría e Formación para a realización de prácticas formativas entre o alumnado do Curso Docencia da Formación Profesional para o emprego. O período de prácticas será dunha duración de 40 horas. Por último, a sesión supuxo luz verde para tres licenzas de obra e para unha licenza de obra e apertura.

28 de setembro de 2015 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.