publicidade hoxe

Ábrese o prazo de inscrición da XXXIII Carreira Pedestre da Amaía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A XXXIII Carreira Pedestre da Amaia, que se celebrará o domingo 4 de outubro e repartirá máis de 1.000 euros en premios, abre o seu prazo de inscrición. O Concello de Brión lembra que non se admitirán inscricións o mesmo día da proba, polo que aquelas persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través da web http://carreirapedestredaamaia.blogspot.com.es/ antes das doce da noite do 30 de setembro. As inscricións dos adultos custarán 5 euros, mentres que as dos menores de 12 anos son de balde.

A competición manterá o mesmo percorrido que en 2014, cando se eliminou a tan temida costa de Quintáns coa que se iniciaba tradicionalmente a proba. Así, os corredores partirán ás 11:15 horas da Carballeira de Santa Minia para cubrir unha distancia de 8 quilómetros. O percorrido, con saída e chegada na Carballeira de Santa Minia, baixa pola avenida de Santa Minia para cruzar as aldeas de Pedrouzos e Liñares, dende onde se collerá pola estrada provincial CP-1301 ata o límite con Brión de Abaixo. Os corredores baixarán ata O Casal para retornar á aldea de Liñares, onde haberá un avituallamento líquido. O último tramo levará aos corredores pola avenida de Lamiño, ata Brans de Abaixo e de volta á carballeira.

Ás 10:30 horas será a quenda dos máis pequenos, que percorrerán 350 metros (de 5 a 7 anos), 500 metros (de 8 e 9 anos) e 700 metros (de 10 a 12 anos). A carreira repartirá mais de 1.000 euros en premios, así como camisetas e avituallamentos para todos os participantes. Todos os menores que participen recibirán cadansúa medalla e haberá trofeos para os tres primeiros de cada categoría, para os tres primeiros e tres primeiras da clasificación xeral e para o primeiro home e primeira muller empadroados en Brión.

A Carreira Pedestre da Amaia é unha das probas atléticas máis importantes do panorama galego. Con 33 anos de antigüidade, é unha proba de referencia na comarca de Santiago que ten lugar todo os anos o domingo seguinte á celebración da Romaría de Santa Minia. O “maratón da Amaía” (como se denominaba nos seus inicios) sumouse aos actos de celebración da Santa Minia aló polos anos 80 pola enorme expectación e éxito da súa organización. 

21 de setembro de 2015 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.