A Xunta recibe o PXOM do Concello de Mañón para a súa aprobación definitiva
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, recibiu esta semana de mans do alcalde de Mañón, Alfonso Emilio Balseiro Gómez, o que suporá o primeiro plan xeral de ordenación municipal deste concello coruñés, situado na comarca de Ortegal, para a súa aprobación definitiva.
Encarnación Rivas trasladoulle ao rexedor municipal que agora a Xunta dispón dun prazo dun mes para comprobar a integridade documental do expediente administrativo e do proxecto do PXOM de presentado. Tamén lle indicou que a Administración galega dispón dun prazo de tres meses para estudar o PXOM, período que comeza a contar cando o documento estea completo.
Cómpre lembrar que o documento que se está a ultimar obtivo a aprobación provisional o pasado 19 de agosto. Ata o de agora este concello situado na fronteira entre as provincias da Coruña e Lugo rexíase polas normas subsidiarias provincias aprobadas en xuño de 1978.
A Xunta de Galicia destaca o apoio a este proxecto de urbanismo para o que a Consellería de Medio Ambiente concedeu axudas por importe de 112.000 euros.