publicidade hoxe

A Xunta inviste no obradoiro de emprego Terras de Trastámara uns 180.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesOrdesTrazo
A-
A+
Beatriz Mato na visita ao obradoiro

Beatriz Mato na visita ao obradoiro

A Consellería de Traballo e Benestar inviste 180.000 euros no obradoiro de emprego “Terras de Trastámara”, impulsado polos concellos de Ordes, Frades e Trazo. Nesta iniciativa están a participar un total de 20 persoas desempregadas. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron hoxe ao alumnado deste proxecto, que comezou o pasado 7 de setembro e que se prolongará durante os próximos seis meses. Trátase do primeiro obradoiro que se financia no concello de Ordes, e o segundo no caso de Trazo e Frades.

En concreto, os participantes estanse a formar nas especialidades de fábricas de albanelería; pintura decorativa en construción; e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería.

No caso deste obradoiro, o alumnado vai traballar na rehabilitación da casa reitoral de Santa María de Chaián en Trazo; na do local sociocultural da rúa Galicia en Ordes; e na dos locais sociais das parroquias de Ledoira e Papucín, en Frades.

Neste sentido, a conselleira lembrou que os obradoiros ofrecen “múltiples vantaxes”. Por unha banda, permiten o acceso a un posto de traballo, ao tempo que ofrecen formación da “máxima calidade” vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional. Ademais, durante o tempo que se desenvolven estes proxectos, realízanse obras e servizos en beneficio da comunidade.

Precisamente, “valorando todas estas vantaxes”, a Consellería decidiu este ano blindar a orde anual de obradoiros e complementala cunha nova convocatoria, que se executa por primeira vez neste exercicio, destinada aos menores de 30 anos e incluída no Sistema de Garantía Xuvenil.

“Isto tradúcese nun investimento total de preto de 15 millóns de euros, para a posta en marcha de 77 obradoiros, nos que participarán máis de 1.500 alumnos, aos que se suma a contratación de profesores”, resumiu Mato, quen destacou que este orzamento é “un 50 por cento maior que o do pasado ano”.

21 de setembro de 2015 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.