publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta inviste 245.000 euros na mellora dunha trintena de camiños rurais en Oza-Cesuras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOza/Cesuras
A-
A+
Belén do Campo na visita a Oza-Cesuras

Belén do Campo na visita a Oza-Cesuras

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá Oza-Cesuras para supervisar, xunto co alcalde da localidade, Pablo González, o proxecto de reparación de varios camiños rurais que se ven de rematar no concello. Trátase dunha actuación enmarcada dentro do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal correspondente ao exercicio 2014-2015, impulsado pola Consellería do Medio Rural e do Mar. Deste xeito, o concello dispuxo dunha achega de 244.300 euros para realizar estas intervencións.

Os traballos, leváronse a cabo nunha trintena de camiños de 17 parroquias do municipio –Salto, Parada, Bandoxa, A Regueira, Cines, Mondoi, Porzomillos, Cuíña, Rodeiro, Loureda, Cutián, Carres, Filgueira de Traba, Trasanquelos, Filgueira de Barranca, Santaia de Pobraos e Mandaio-. En total, a actuación cubre unha lonxitude que supera os 21 quilómetros de pistas de carácter municipal, onde se acometeu a mellora da capa de rodadura, tratamentos asfálticos superficiais, a limpeza e perfilado de cunetas e arranxo das fochas existentes nalgún dos casos.

Do Campo apuntou que o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo intervencións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

A delegada territorial tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Oza-Cesuras. Neste senso, amosouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”.

29 de setembro de 2015 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.