publicidade hoxe

A Xunta diríxese aos concellos da Área Metropolitana de Vigo para coñecer as propostas para reformar a lei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaVigo
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o seu departamento xa remitiu aos concellos que compoñen a Área Metropolitana de Vigo as propostas efectuadas polo Goberno local de Vigo para reformar a lei, que as analicen e que formulen as súas suxestións e propostas para buscar o maior consenso posible.

A Xunta enviou unha carta aos 14 concellos que compoñen a área metropolitana, na que se adxunta as dúas alternativas presentadas polo Concello de Vigo, así como un cadro explicativo das diferenzas entre estas propostas e entre elas e a lei actualmente en vigor. Trátase de que todos os concellos da área poidan analizar as propostas e facer as achegas que consideren oportunas nas reunións de traballo que a Xunta convocará en próximas datas.

O obxectivo do Goberno galego é buscar o maior consenso posible para posibilitar a definitiva posta en marcha da área. Nese sentido, a Xunta solicita na súa carta aos concellos que trasladen toda a documentación aos representantes de todas as forzas políticas que conforman os plenos municipais, para que poidan efectuar as achegas que estimen oportunas.

A Lei da área metropolitana de Vigo entrou en vigor no ano 2012, foi aprobada polo Parlamento de Galicia o 10 de abril dese ano, o que supuxo un fito histórico coa posta en marcha da primeira Área Metropolitana de Galicia, un dos proxectos de cooperación municipal máis ambiciosos na nosa comunidade nos últimos anos. Os concellos suman esforzos e aumentan a calidade dos servizos públicos en beneficio dos cidadáns de Vigo e a súa comarca e mellorarán a suficiencia económica dos concellos a través dunha maior racionalización do gasto común.

A Área Metropolitana de Vigo configúrase como unha entidade local cuxo ámbito territorial está delimitado polos concellos de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo -que será a capital-; podendo ampliarse no futuro.

Os órganos principais da Área Metropolitana de Vigo son a Asemblea Metropolitana, a Xunta de Goberno Metropolitana, o Presidente e ata dous vicepresidentes; a Comisión Especial de Contas e a Comisión de Cooperación. Esta Comisión será a encargada de asegurar a xestión eficiente dos servizos de competencia compartida evitando as duplicidades.

14 de setembro de 2015 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.