publicidade hoxe

A Xunta destaca o labor da rede de varamentos que recabou máis de 5.500 exemplares desde 1990

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, puxo en valor o labor que desenvolve a Rede de Varamentos de Galicia, que permitiu recabar datos de máis de 5.500 exemplares recuperados desde 1990. Verónica Tellado inaugurou esta mañá a xornada sobre atención nos varamentos de fauna mariña ameazada, celebrada no Centro de Interpretación Mariña, en Foz, e organizada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, en colaboración coa Coordinadora para o Estudo dos mamíferos mariños, CEMMA, unha xornada que se suma ás xa realizadas en Vigo e Oleiros. 

Durante su exposición, a directora xeral explicou que o litoral galego conta coa presenza regular de varias especies de mamíferos e tartarugas mariñas que se atopan ameazadas. Trátase de especies protexidas que precisan de atención preferente e da adopción de medidas de xestión ao obxecto de frear o seu declive. A necesidade de acadar un coñecemento exhaustivo dos efectivos, ecoloxía, desprazamentos ou áreas críticas para a conservación das especies máis ameazadas de mamíferos e tartarugas mariñas, constitúe  o principal obxectivo da Rede de Varamentos de Galicia “que cada ano suma datos e mellor información respecto da ecoloxía, a dinámica poboacional e a evolución da interacción destes animais coas actividades humanas”, indicou Tellado. 

Hai que destacar que a Rede de Varamentos de Galicia desenvolve o seu traballo grazas ao contrato entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños. 

Verónica Tellado destacou que este traballo non consiste só en recuperar unhas das máis de 250 especies que de media varan ao ano nas nosas costas senón tamén en obter información clave sobre as causas dese varamento, que son en moitos casos complexas. Así, cando se identifica e recolle un animal varado morto ou non se da recuperado algún dos que aparecen con vida, o traballo e o esforzo tampouco son en balde, serven como fonte de información fundamental para entre outros, coñecer aspectos sobre a incidencia do cambio climático ou episodios de contaminación mariña. 

10 de setembro de 2015 | 12:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.