publicidade hoxe

A Xunta destaca o incremento da demanda náutica nos portos de Camariñas e Muxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCamariñasMuxía
A-
A+
O presidente de Portos de Galicia no Club Náutico de Camariñas

O presidente de Portos de Galicia no Club Náutico de Camariñas

A demanda náutica na Costa da Morte –e en particular nos portos de Camariñas e Muxía– medrou de xeito significativo nos dous últimos anos, froito da promoción exterior destas instalacións. Así o destacou hoxe o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, na súa visita ao club náutico de Camariñas, onde comprobou o remate das obras e a concesión da estación de combustible e mantivo unha reunión de traballo co presidente desta entidade.

José Juan Durán salientou ademais a presenza este ano, por segunda vez consecutiva, destes dous peiraos nas feiras e salóns de La Rochelle 2015 e París 2014, ambos en Francia, e a incorporación do porto de Camariñas á tamén francesa rede Passeport Escales. Engadiu que está previsto que acudan tamén, no vindeiro mes de decembro, ao Salón Náutico da capital gala.

A maiores, no caso particular de Camariñas, o vindeiro ano este porto converterase nun importante punto estratéxico do Rally La Baule – San Vicente de barcos clásicos, que se desenvolverá entre a localidade de La Rochelle e o porto de Pedras Negras, no Grove. Camariñas será parada obrigada da flota o 23 de agosto, no seu regreso a Francia.

Promoción da náutica galega
Neste contexto de crecemento da náutica na Costa da Morte, o presidente de Portos subliñou o éxito de participación do ente público, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, en diferentes eventos de referencia no sector do turismo náutico. Entre eles, a feira Fitur de Madrid, o Salón Náutico Internacional Grand Pavois, de La Rochelle, o Salón Náutico de París ou as presentacións da oferta náutica galega levadas a cabo en Dublín e Cork (Irlanda). Portos de Galicia ten previsto dar continuidade a estas accións tendo en conta a súa positiva incidencia nas cifras de captación de actividade náutica para os peiraos galegos.

23 de setembro de 2015 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.