publicidade hoxe

A Xunta dedicou 140.000 euros a reparar e mellorar as dependencias dunha decena de centros educativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMonforte de Lemos
A-
A+
Raquel Arias na visita a varios institutos de Monforte

Raquel Arias na visita a varios institutos de Monforte

A delegada territorial, Raquel Arias, visitou esta mañá dous institutos en Monforte de Lemos nos que a Xunta de Galicia acometeu diversas obras de mellora nas súas instalacións. Foi, en concreto, ao IES A Pinguela, no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investiu algo más de 9.000 euros no planetario, encamiñadas fundamentalmente a reparar a cuberta, e 6.000 euros máis para arranxar os danos ocasionados polo roubo sufrido o pasado mes de marzo; así como ao IES Daviña Rei ao que se destinaron 5.340 para o forrado de piares e algo máis de 26.000 para a substitución de ventás nunha zona de talleres e no ximnasio.

O cambio das ventás no Daviña Rei desenvolveuse durante o verán para interferir o menos posible na actividade normal do centro e ten como obxectivo, ademais de solucionar os problemas de filtracións derivados do deterioro que presentaban, posibilitar un maior aforro enerxético ao mellorarse ostensiblemente o aillamento, segundo explicou Arias.

En sendas visitas a delegada territorial estivo acompañada polos directores dos centros educativos, Enrique Sampil e Isaac González respectivamente, entre outros membros dos equipos directivos.

Raquel Arias puxo en valor o importante esforzo económico que está a facer a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para mellorar os centros educativos de Primaria e Secundaria na provincia de Lugo, que só no que respecta ás obras incluídas no plan RAM para este ano superan o millóns de euros, máis de 140.000 euros na Zona Sur.

En opinión da delegada territorial, estas actuacións son unha “mostra clara” da aposta que está a facer a Xunta pola educación pública “porque investir en equipamento é tamén investir en calidade”.

“Na medida das posibilidades orzamentarias”, recalcou Raquel Arias, “a Xunta está sempre disposta a cubrir as necesidades e demandas que nos formulan dende os centros educativos e proba dese compromiso e resolución é que dende 2009 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou preto de 1,2 millóns de euros a facer obras nos colexios e institutos de Monforte ao abeiro dos plans RAM”.

Outras actuacións

Outros centros educativos da cidade do Cabe tamén foron obxectos de melloras durante este ano. É o caso do CEIP A Gándara ao que se destinaron preto de 45.000 euros para a reparación dunha cornixa de formigón e para instalar un ascensor que facilitará o desprazamentos de persoas con dificultades de mobilidade polas instalacións. Os traballos precisos para elo están en execución, aínda que segundo as previsións da unidade técnica, segundo explicou a delegada territorial, poderá entrar en servizo a finais deste mes.

O CEIP de Monforte de Lemos tamén foi obxecto de varias melloras, concretamente para o cambio dunha porta do comedor, a reparación dunha goteira, a ampliación da sala de profesores e a colocación dunha marmita.

Tamén recibiron achegas económicas ao abeiro do RAM outros centros educativos das comarcas de Lemos e Quiroga. É o caso do CEIP de Currelos, en O Saviñao, no que se reparou unha avaría detectada nos baños; o Poeta Uxío Novoneyra no Courel ao que se destinaron 3.400 euros a instalación de calefacción no ximnasio; e os CEIPs da Pobra do Brollón, Monte Baliño de Pantón, Virxe do Carme de Sober e o de Quiroga, nos que se fixo a pertinente e obrigatoria revisión da instalación eléctrica.

No de Sober procedeuse ademais o cambio de persianas e portas por importe de algo máis de 12.000 euros e no de Quiroga investíronse máis de 22.000 euros para acometer a segunda fase do saneamento.

8 de setembro de 2015 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.