publicidade hoxe

A Xunta amplía a Área de Rehabilitación Integral de Marín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarín
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de asinar a declaración dunha nova Área de Rehabilitación Integral (ARI) no concello de Marín que engloba a xa existente e amplía o seu ámbito ao barrio da Banda do Río Lameira.

A Área de Rehabilitación Integral ampliada recibirá este mesmo ano fondos públicos para o inicio das actuacións de rehabilitación.

Ao tempo que se ampliaba a ARI de Marín, declaráronse catro novas na provincia de Ourense e ampliáronse as de Lourenzá e Quiroga (Lugo).

As novas áreas de rehabilitación integral de Ourense corresponden aos barrios antigos de San Cibrao das Viñas, as aldeas e lugares de Santa Mariña de Augas Santas, no concello de Allariz, os barrios da Serra de San Mamede, Cruceiro Quebrado e a Inmaculada na cidade de Ourense e o conxunto histórico de Xunqueira de Ambía.

Dende 1996 foron declaradas en Galicia 69 áreas de rehabilitación en 40 concellos diferentes. E tamén se declarou unha Ari tan singular como é a área de rehabilitación dos Camiños de Santiago, que transcorre por 107 concellos das catro provincias, de maneira que o total de concellos galegos que dispoñen de áreas de rehabilitación ascende a 128, xa que algúns dos concellos incluídos na área dos Camiños de Santiago tamén teñen Aris propias.

En total, dende o ano da súa creación, rehabilitáronse ao abeiro das ARI máis de 11.300 vivendas, cuxos propietarios recibiron axudas da Xunta e o Estado. Os concellos correspondentes tamén realizaron múltiples obras de urbanización e reurbanización no ámbito das ARI, recibindo tamén axudas autonómicas e estatais para ditas obras.

A achegas da Xunta e o Estado para a rehabilitación de vivendas e urbanización e reurbanización superan os 85,5 millóns de euros que induciron un investimento de máis de 15 millóns de euros por parte dos concellos e preto de 90 millóns de euros polos propietarios das vivendas, o que supón que o programa de áreas de rehabilitación mobilizou, dende a súa creación en 1996, con máis de 190 millóns de euros.

24 de setembro de 2015 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.