publicidade hoxe

A Romaría das Virtudes reúne a milleiros de persoas en Vitre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+
Romaría das Virtudes

Romaría das Virtudes

Varios milleiros de persoas participaron na tradicional Romaría das Virtudes, que tivo lugar este sábado na parroquia de Vitre (Frades). Dende a Comisión Nosa Señora das Virtudes confirman que se ocuparon as 220 parcelas delimitadas para o xantar de familias, peñas e grupos de amigos, o que supón volver superar a cifra de anos anteriores.

O bo tempo animou a que ata Vitre se achegaran milleiros de persoas tanto dos municipios da comarca, como doutros concellos achegados (Val do Dubra, Curtis, Touro ou O Pino) e de toda a provincia (Culleredo, Cambre, A Coruña, Narón…).E é que, ademais das 220 parcelas habilitadas, tamén houbo moitos grupos de amigos que acudiron aos tradicionais xantares de campo sen reserva e montaron as súas tendas e casetas nas explanadas contiguas ao campo da festa. A media de ocupantes por tenda era de vinte persoas, pero tamén había moitas con preto de medio cento de comensais.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, destacou “o arraigo da Festa das Virtudes na nosa contorna, que fai que cada ano veñan máis persoas a disfrutar connosco desta romaría” e agradeceu o traballo dos membros da comisión de festas, que por segundo ano consecutivo fixeron unha doazón a unha causa solidaria. Se o ano pasado se doaran 1.100 euros á Asociación Española de Loita contra o Cancro, nesta ocasión os cartos doáronse á loita contra o Alzhéimer. Uns fondos procedentes da venda de panos, camisetas, pulseiras, chaveiros, rosarios, portacandeas, cadros, velas, chisqueiros…. relacionados coas Virtudes e que os membros da Comisión de Festa estiveron vendendo durante toda a xornada do sábado.

Celebracións relixiosas 

As celebracións relixiosas comezaron na capela da Nosa Señora das Virtudes ás 11:00 e ás 12:00 horas, tendo lugar a misa solemne ás 13:00 horas e a tradicional procesión da imaxe da Virxe polo campo da festa, percorrendo o camiño entre a capela e o cruceiro das Virtudes a lombos dos fieis. 

Tras os ritos relixiosos, a charanga Ruada encargouse un ano máis da parte musical, dando paso a unha sesión vermú moi concorrida da man da orquestra ‘Miramar’. Ademais, a verbena nocturna acadou un cheo total, coa participación de centos de mozos de toda a comarca que se achegaron a disfrutar da música da orquestra “Miramar”, que estivo acompañada polo “Dúo Diamante”. 

7 de setembro de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.