publicidade hoxe

A reserva de biosfera empeza a súa Semana de Custodio do Territorio centrada na loita contra as especies invasoras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzosMiñoOleiros
A-
A+

A reserva de biosfera As Mariñas Coruñesas e a Fundación Fragas do Mandeo inician mañá sábado 19 a súa Semana de Custodia de Territorio, que alcanza nesta ocasión a súa cuarta edición. E este ano versará sobre unha problemática ambiental de actualidade na comarca: as especies invasoras.

Mañá o Liceo de Betanzos acollerá unha xornada sobre estas especies exóticas. Ás 9.30 horas será a inauguración, coa presenza de José Antonio Santiso, presidente da reserva, Ramón García, alcalde de Betanzos, e Fernando Bandín, presidente de Fragas do Mandeo.

Desde as 10.00 horas comezarán as charlas. A esa hora o propio Bandín falará sobre a conservación da biodiversidade mediante a custodia do territorio. Media hora máis tarde, Jorge Mouriño, de Arcea Xestión de Recursos Naturais, abordará a flora invasora que temos. E ás 11.15 horas, Lucía Latorre, de Seychelles Islands Foundation, falará sobre a fauna invasora.

Os Concellos de Oleiros e Miño, ás 12.30 e 13.00 horas respectivamente, exporán os seus exemplos de traballo contra as especies invasoras. E ás 13.30 horas chegará a mesa redonda para tratar de acordar estratexias coordinadas entre administracións e particulares para afrontar a problemática.

O domingo, desde as 16.30 horas, terá lugar o eco-regata pola ría de Betanzos: a segunda edición dunha competición por retirar máis residuos, programada coa intención de bater a marca do ano pasado.

Para a semana que vén están previstas as xornadas de voluntariado. Retiraranse especies invasoras da praia da Alameda, en Ponte do Porco.

18 de setembro de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.