publicidade hoxe

A reforma do mercado de Celanova consolídao como clave para a dinamización económica local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanova
A-
A+
Conde na visita á praza de abastos de Celanova

Conde na visita á praza de abastos de Celanova

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou esta mañá na súa visita ao mercado de Celanova, que a transformación integral que está vivindo este espazo, que a Consellería de Economía e Industria leva apoiado con máis de 240.000 euros desde 2013, está consolidando a praza de abastos como unha infraestrutura clave para o comercio local celanovés así como para a dinamización económica do municipio.

Conde, que estivo acompañado polo alcalde da localidade, José Luis Ferro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, así como a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, destacou a importancia de “apostar polo comercio das nosas vilas, especialmente das máis próximas ao rural, onde as prazas de abastos poden ser un elemento vertebrador da dinamización económica”.

Así, o mercado celanovés xoga un importante papel como lugar idóneo para novas iniciativas emprendedoras, así como para a venda de produtos autóctonos de calidade, e a busca de sinerxías coa gastronomía e o turismo, en liña co recollido no novo Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio, ao cal a Xunta destina 70 millóns de euros ata 2020 para modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego.

Tal e como subliñou o conselleiro de Economía e Industria, a modernización da praza de abastos, na cal nestes momentos se están realizando actuacións de reforma do soto do edificio, así como do interior dos postos da planta baixa, cun apoio da Consellería de preto de 38.000 euros, é un exemplo de cooperación institucional.

Neste sentido, Conde resaltou a importancia de colaborar coas administracións locais, sinalando que este ano a Consellería apoia un total de 23 concellos ourensáns, impulsando investimentos que suman preto de 3 millóns de euros a través de diferentes programas de axudas que permiten traballar de forma conxunta para impulsar o tecido económico local.

O conselleiro, que previamente mantivo un encontro co alcalde e varios empresarios da comarca para escoitar as súas propostas, no que se avaliaron proxectos de cara a futuro, que pasan “por seguir apostando polos investimentos, tanto desde o punto de vista empresarial como industrial”, sinalou que Celanova “ten tamén moitas oportunidades desde o punto de vista do turismo”.

Francisco Conde apuntou que desde a Consellería, en colaboración cos concellos e as asociacións dos empresarios, “imos estar moi preto dos cidadáns, das empresas, e dos investidores que nos poidan permitir manter o obxectivo claro de dinamizar a economía e crear emprego”.

Este traballo conxunto tanto co Concello como co tecido empresarial de Celanova xa ten permitido actuacións por 2,8 millóns de euros nos últimos anos, entre investimentos públicos e privados.

16 de setembro de 2015 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.