publicidade hoxe

A psicoloxía ibérica debate en Santiago sobre os retos da sociedade actual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Máis de 300 psicólogos e psicólogas da Península ibérica reuniranse os días 2 e 3 de outubro en Santiago de Compostela, co gallo do II Encontro Hispano Luso “Achegas da psicoloxía á solución dos problemas actuais da sociedade”. O obxectivo é trasladar as contribucións que desde a psicoloxía hispano lusa se veñen aplicando á solución de problemáticas dos nosos días que afectan seriamente ás persoas ao longo do seu ciclo vital, ben emerxan na infancia, na adolescencia, na idade adulta ou na vellez.

Tras unha primeira edición en 2014 celebrada en Coímbra (Portugal), este Encontro terá lugar no Auditorio Abanca, organizado polo Consejo General de la Psicología, que reúne a todos os colexios profesionais deste ámbito do conxunto do Estado; a Ordem de Psicólogos Portugueses, institución homóloga do país veciño; e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Ao longo dos dous días abordaranse temas de tal vixencia como a intervención psicolóxica coas persoas afectadas pola violencia de xénero, a depresión, o mobbing ou o estrés no espazo de traballo, coas que sufriron accidentes ou perdas por diferentes razóns (tráfico, atentados, etc.) e coas que teñen que convivir coa discriminación, entre outras. 

As achegas da psicoloxía do traballo á actual situación laboral tanto de España como de Portugal centrará o primeiro dos relatorios o venres 2, coordinado polo vicepresidente da Ordem, Samuel Antunes, no que participarán o presidente do Grupo BLC, Javier Cantera Herrero, coa vogal da Ordem, Teresa Espassandim. O impacto da depresión centrará a seguinte das mesas, coordinada pola decana galega, Mª Rosa Álvarez Prada, coa participación dos presidentes do Consejo General de la Psicología, Francisco Santolaya, e da Ordem de Psicólogos Portugueses, Telmo Mourinho.  

Xa na sesión de tarde, a violencia de xénero será a protagonista do relatorio moderado polo vicepresidente segundo do Consejo, Josep Vilajoana, no que exporán as achegas da psicoloxía neste sentido a decana do Colegio de Extremadura, Rosa María Redondo Granado, xunto con Carina Quaresma, do Ministerio do Interior luso. A intervención na área social pechará a  tarde, reflexionando sobre a familia, a exclusión e a discriminación no ámbito escolar, a mocidade e a inmigración, nunha mesa redonda coordinada por Teresa Carvalho, vicepresidenta da Ordem, e coa psicóloga  Tânia Ribeiro e o seu colega Mario Jorge Silva desde Portugal, xunto con José Antonio Luengo e Manuel Martínez García como expertos desde España.  

O sábado pola mañá abrirá a sesión cunha mesa redonda sobre as persoas maiores e o seu papel na sociedade, coordinada por Manuel Berdullas, do Consejo, e Manuel E. Medina, secretario xeral da Academia de Psicoloxía de España. Esta mesa estará constituída por Constança Paúl e Pedro Nobre, profesores da Universidade de Porto, Carmen Triado, da Universidade de Barcelona. O último relatorio abordara á exclusión da psicoloxía do ámbito escolar, coordinado por Francisco Miranda, director executivo da Ordem, no que José Antonio León Gascón, catedrático da UAM, e Francisco Peixoto, profesor do Instituto Superior de Psicoloxía Aplicada de Lisboa, reflexionarán sobre a situación en cadanseu país. 

Ademais, dentro do marco deste Encontro farase a entrega do I Premio Ibérico da Psicoloxía, dirixido a psicólogos ou psicólogas que realizasen contribucións importantes no desenvolvemento da disciplina en España e Portugal. Este galardón ten carácter bianual e entregarase por primeira vez no marco do Encontro Hispano Luso. 

30 de setembro de 2015 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.