publicidade hoxe

A Laracha mostra a súa vontade e disposición para acoller refuxiados sirios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Ante a grave crise provocada polo conflito armado en Siria e que está a obrigar a miles de persoas a emigrar e buscar refuxio noutros países, o Concello da Laracha anuncia que se pon a disposición das diferentes institucións europeas, do Goberno central e da Xunta de Galicia para cooperar en todo o que estea ao noso alcance para dar unha resposta humanitaria e solidaria ás familias que escapan da violencia da súa terra na procura da seguridade, a paz e dun futuro esperanzador.

O grupo de goberno local levará esta iniciativa á próxima sesión plenaria co obxectivo de implicar na mesma a todos os sectores municipais, incluíndo aos diferentes partidos políticos, entidades e á veciñanza en xeral, establecendo os procedementos oportunos para facilitar que se unan a esta proposta todas as persoas e asociacións que desexen facelo e mesmo que estean dispostas a achegar os seus propios medios para cooperar nesta causa solidaria. 

Deste xeito o Concello da Laracha mostra a súa vontade de afrontar activamente esta situación e acoller a familias sirias vítimas do conflito poñendo á súa disposición medidas e recursos humanos e materiais, incluíndo instalacións municipais nas que ofrecerlles a posibilidade de iniciar unha nova oportunidade de vida creada sobre os piares da paz, a dignidade e a solidariedade. 

Outra das accións a levar a cabo será a creación dun rexistro de familias acolledoras ao que poderán unirse os veciños do termo municipal que o desexen e teñan os medios suficientes para facelo. O Concello da Laracha recollerá os datos correspondentes para dispoñer deles en caso de que así fose necesario. 

Por tanto o Concello da Laracha, sempre en representación dos seus preto de 11.500 veciños, mostra a súa vontade de exceder as competencias municipais actuando desde os valores da madurez e a solidariedade e co propósito de mostrarse útil e activo ante unha situación de extrema gravidade humanitaria.

4 de setembro de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.