publicidade hoxe

A Laracha contará con pasos para peóns elevados nas avenidas de Caión e Doutor López astray

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha iniciará nos próximos días os traballos dirixidos a crear dous pasos para peóns elevados no casco urbano da capital municipal, un deles na Avenida de Caión e o outro, na Avenida Doutor López Astray. En ambos casos, por tanto, trátase de tramos urbanos da mesma estrada provincial DP-1913.

O goberno local da Laracha solicitara á Deputación Provincial da Coruña, a titular da vía, que se acometeran ditas actuacións nestas dúas avenidas e tamén na Avenida da Laracha en Caión (DP-0514) co importante obxectivo de reforzar a seguridade viaria nestas estradas que, ademais de estar situadas en zonas residenciais, tamén son vertebradoras das comunicacións rodadas no termo municipal.

Os servizos técnicos da Deputación Provincial da Coruña autorizaron unicamente a instalación de un paso para peóns elevado na Avenida de Caión e outro na Avenida Doutor López Astray, desestimando a proposta municipal de crear outro na principal vía de entrada ao centro da vila de Caión (Avenida da Laracha). As actuacións para a súa creación serán financiadas integramente polo Concello da Laracha.

O Concello da Laracha vén apostando por instalar este tipo de estruturas en determinadas zonas urbanas, como por exemplo as rúas Manuel Murguía e Santa Lucía da Laracha, a travesía de A Botica (Vilaño), o núcleo de Estramil (Torás), rúa A Porta Santa (Paiosaco) e travesía de A Cachada (Lestón). 

Os pasos para peóns elevados aumentan a seguridade viaria ao obrigar aos vehículos a circular máis amodo, diminúen o ruído e as emisións que producen os automóbiles e melloran a accesibilidade peonil ao quedar a zona de paso ao mesmo nivel que a beirarrúa. 

18 de setembro de 2015 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.