publicidade hoxe

A Laracha aproba o plan de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo e do IES Agra de Leborís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, na sesión ordinaria celebrada hoxe, aprobou con carácter provisional o Plan Especial de ampliación dos equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo e do IES Agra de Leborís, documento elaborado polos técnicos redactores do mesmo e no que foi refundido o plan que fora aprobado inicialmente e as observacións dos diferentes organismos que emitiron os preceptivos informes sectoriais (Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, Axencia Galega de Infraestruturas, área de Patrimonio da Subdelegación de Defensa da Coruña, Delegación do Goberno en Galicia, Servizo de Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Augas de Galicia, Dirección General de Aviación Civil, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Subdirección General de Redes y Operadores de Telecomunicaciones.

A continuación o Plan Especial de ampliación dos equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo e do IES Agra de Leborís será remitido á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia para que, de ser o caso, informe favorablemente do mesmo. Por último, sería o Pleno da Corporación municipal o órgano competente para elevar a aprobación a definitiva.

Desde o Concello da Laracha promóvese este Plan Especial dirixido a ampliar a superficie de terreo vinculada aos dous centros de ensino na procura de dous obxectivos esenciais. Por unha parte, resolver os problemas de tráfico que se xeran pola propia afluencia de alumnos e persoal do colexio e do instituto e mellorar as comunicacións rodadas. Por outra banda, aumentaranse os espazos asociados a ambas zonas educativas, cualificándoos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do xeito preciso para que poidan albergar nun futuro, e no caso de que así se precise, novos equipamentos dotacionais de tipo cultural, deportivo, social ou educativo.

No caso do CEIP Ramón Otero Pedrayo, o Plan permitirá mellorar os accesos cara a entrada principal, ancheando a rúa José Añón desde a estrada xeral C-552 ata a escola da Areosa e dando resposta á situación actual nesta zona, na que se establece unha dirección única de circulación nas horas de entrada e saída do colexio. Tamén se contempla a mellora do tramo da vía Buenos Aires-Pereiro nas inmediacións do centro. 

Por outro lado, unha superficie duns 11.200 metros cadrados pasaría a formar parte do ámbito do colexio, o que permitirá ofrecer un maior espazo libre para os alumnos, traballadores e persoal docente (cuestión de especial interese debido a que as área de recreo se reduciron para albergar o novo edificio de infantil e o pavillón polideportivo, actualmente en fase de construción) e crear unha nova entrada principal máis cómoda e funcional para peóns e tamén para os autobuses do transporte escolar

Para o caso do IES Agra de Leborís a mellora consiste na apertura dunha nova vía que discorrería pola parte posterior do instituto e que comunicaría directamente a avenida Manuel Fraga Iribarne coa 1ª travesía Doutor López Astray, creándose unha circunvalación e mellorándose os accesos entre a zona de Santa Lucía (inicio da estrada A Laracha-A Silva) coa carreteira A Laracha-Soandres (Avenida Doutor López Astray).

Ademais, os terreos situados á marxe esquerda desta nova estrada (uns 6.100 metros cadrados) quedarían cualificados urbanisticamente para albergar, nun futuro, equipamentos dotacionais nesta céntrica zona do casco urbano da Laracha e tamén para aumentar os espazos vinculados ao propio instituto. 

A superficie total afectada polo Plan especial de ampliación dos equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo e do IES Agra de Leborís será, conxuntamente, dun total duns 29.300 metros cadrados.

O Concello da Laracha pretende dar, así, resposta a determinados problemas que se crearon en ambos centros e derivados de dous motivos principais: o aumento no número de alumnos e o crecemento urbanístico rexistrado durante os últimos anos no casco urbano da capital municipal. Este Plan Especial, ademais de resolver estas cuestións, vinculará novos terreos aos centros, o que posibilitará ofrecer máis espazo para alumnos, traballadores e persoal docente, así como a mellora dos equipamentos.

Licencias urbanísticas 

Na Xunta de Goberno Local de hoxe tamén foron concedidas tres licencias urbanísticas, sendo unha delas para a construción dunha vivenda unifamiliar.

24 de setembro de 2015 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.