publicidade hoxe

A FEMP e o INJUVE subvencionan a mellora da empregabilidade xuvenil “Sansa xove: o novo rural”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Federación Española de Municipios e Provincias e o INJUVE convocaron este ano unha liña de subvencións para acometer proxectos que fomenten a capacitación e a inserción da xente nova no mercado laboral. Concorreron 424 propostas das que hai escasos días foron elixidas 30 de todo o territorio estatal, divididas en cinco apartados segundo a poboación. San Sadurniño foi un dos concellos que se presentou á convocatoria e será tamén o único municipio galego que se beneficiará dunha axuda de 4.500 euros para levar adiante ata final de ano a iniciativa “Sansa xove: o novo rural”. O prazo de solicitude neste programa dirixido á mocidade abrirá nos próximos días.

“Sansa xove: o novo rural” é un proxecto deseñado polas áreas de Emprego e Desenvolvemento Local que ten como obxectivos a concienciación da mocidade sobre as oportunidades laborais que ofrece o medio rural, contribuír ao asentamento da xente nova no territorio, mellorar o coñecemento e as habilidades deste ámbito da poboación para adaptárense ao mercado laboral, o fomento do uso das TIC como ferramenta de aprendizaxe para o traballo e, por último, prestarlles servizos de orientación laboral e asesoramento para o emprendemento. 

Obxectivos todos eles que se trasladarán á realidade mediante unha acción formativa que se desenvolverá ata finais de ano centrada na agricultura ecolóxica. Serán 180 horas distribuídas do seguinte xeito: 5 de prevención de riscos laborais na agricultura, 15 de módulos transversais -busca de emprego, emprendemento e igualdade-, 20 de comercialización e venda electrónica, 20 referidas a transformación e valor engadido e, o groso do programa, 100 horas sobre agricultura ecolóxica, 10 sobre apicultura e 10 referidas a fructicultura, tamén en ecolóxico. 

Ofertaranse 15 prazas e dirixidas a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos. A prioridade de acceso establecerase atendendo a perfís con baixa ou nula cualificación, persoas demandantes do primeiro emprego e pola antigüidade como demandantes, dándolle prioridade no caso de empate ás mulleres.

Polo momento non se abriu o prazo de solicitude para participar nesta acción formativa. As datas de inscrición e de inicio do curso publicaranse na web e nos tablóns de anuncios do Concello nos próximos días. Trátase dunha acción formativa quen non inclúe prestación económica.

Á convocatoria lanzada pola FEMP e o INJUVE optaban 424 propostas de todo o Estado das que finalmente foron elixidas 30, encadradas no tocante á contía económica que recibirán por criteiros de poboación das entidades locais solicitantes. Así, aquelas que teñen un ámbito de traballo de ata 1.000 habitantes contarán con 2.500 euros de subvención, de 1.001 a 5.000 -o caso de San Sadurniño- percibirán 4.500 e as que estean entre 5.001 a 20.000 terán unha axuda de 8.000 euros. Aquelas entidades e municipios seleccionados que teñan entre 20.001 e 50.000 habitantes levarán 12.000 euros e, por último, as propostas seleccionadas con máis de 50.000 habitantes -Albacete e o consorcio alicantino de promoción da Vega Baja- percibirán 16.000 euros. 

22 de setembro de 2015 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.