publicidade hoxe

A facturación das descargas de berberecho na lonxa de Noia medrou un 40%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNoia
A-
A+
Rosa Quintana na visita á lonxa de Noia

Rosa Quintana na visita á lonxa de Noia

A facturación das descargas de berberecho na lonxa de Noia medrou nun 40% en relación ao ano pasado. Estes datos fan referencia aos 8 primeiros días de campaña marisqueira, nos que a lonxa de Testal recibiu preto de 377 toneladas de berberecho, o que supuxo un valor económico duns 3 millóns de euros. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, durante a súa visita á lonxa, na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

As descargas de berberecho destes primeiros días de campaña, que empezou o 14 de setembro, supoñen uns 800.000 euros máis que no mesmo período de 2014, no que se descargaron 169 toneladas deste molusco por un valor económico de preto de 2 millóns de euros. Estas cifras amosan ademais que as descargas de berberecho no inicio de campaña incrementáronse nun 122% en relación á campaña anterior. Esta especie representa o 97% das descargas de moluscos bivalvos na lonxa de Noia e o seu valor económico supón o 95% dos desembarcos deste grupo.

Neste sentido, Rosa Quintana destacou a evolución positiva tanto das cantidades desembarcadas de berberecho coma do seu valor en primeira venda e a importancia deste molusco para o sector marisqueiro de Noia. De aí, subliñou, a importancia de establecer mecanismos e medidas para acadar unha mellor comercialización dos nosos produtos do mar na súa primeira venda. Neste sentido destacou que o importante é como se vende, que se comercialice ben e conseguir que á hora de mercar o produto, os compradores valoren todo o esforzo do sector para poñelo á venda.

Descargas totais da lonxa

Estas cifras do berberecho fan que a evolución positiva se traslade ás descargas totais de especies na lonxa de Noia, que no que levamos de ano aumentaron un 6% con respecto ao mesmo período do ano pasado e o seu valor económico ascendeu en preto dun 60%, ao pasar de algo máis de 2 millóns de euros a máis de 3 millóns de euros este ano.

29 de setembro de 2015 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.