publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra colaborará na catalogación dos bens do Museo de Ponteareas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareasPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra colaborará na catalogación de bens do Museo de Ponteareas. Así o indicou onte o deputado de Cultura, Xosé Leal, tras realizar unha visita ás instalacións da galería municipal. Leal comprometeuse a facilitar na medida do posible os medios humanos e técnicos para poder realizar o inventario e as fichas catalográficas de todos os fondos museográficos, documentais e bibliográficos cos que conta a instalación local.

O Museo Municipal de Ponteareas está situado nas dependencias dunha antiga fábrica de curtidos. Nestes momentos a exposición articúlase de xeito cronolóxico. O primeiro apartado é o de Ponteareas e bisbarra desde o período paleolítico á romanización, con materiais do depósito arqueolóxico do Castro de Troña, pertencente á cultura galaico-romana. Destacan tamén neste área o petróglifo de Chan da Gándara e unha pequena coleccións de bronces de datación romana do Couto de Altamira, en Taboexa (As Neves) coa figura dun togado. Outra área recolle a época medieval, na que destaca unha pía bautismal do románico.

A parte de historia contemporánea está centrada en persoeiros de Ponteareas distinguidos na vida política, social e cultural. No museo tampouco falta un lugar adicado á principal festa de Ponteareas: o Corpus Christi e ás súas alfombras florais, un dos sinais de identidade colectiva da vila. Dende 1998 existe o Centro de Recuperación de Cultura Popular, que ten como obxectivo a recuperación da memoria colectiva a través do patrimonio cultural tradicional e conta cunha exposición permanente de indumentaria e oficios tradicional e unha recreación dunha casa rural tradicional.

O deputado nacionalista completou a mañá de onte en Ponteareas visitando o auditorio local e o espazo que ocupaba a Radio Televisión Municipal de Ponteareas. Leal escoitou os requirimentos da concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, para estas e outras infraestruturas culturais do principal concello da comarca do Condado, e lembrou que a Deputación ten decidido facer unha gran transferencia económica única a cada municipio (en lugar de múltiples achegas finalistas) para que sexan os gobernos locais os que decidan e prioricen en que gastan os cartos que lle chegarán dende a institución provincial.

Por outra banda, Xosé Leal mostrou a súa satisfacción pola colaboración da Deputación provincial e o Concello de Ponteareas na organización da IX Feira Tradicional dos Remedios, que se presentou onte. “É un elemento que mestura tradición e modernidade, unha aposta pola historia que rememora feiras e mercados de principios do século pasado e que conta con elementos para atraer á poboación”, sinalou.

3 de setembro de 2015 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.