publicidade hoxe

A Deputación da Coruña asesorará a Santa Comba nun estudo de mellora das infraestruturas de xestión da auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSanta Comba
A-
A+

A Deputación da Coruña, a través do servizo de Asistencia aos Concellos, asesorará ao Concello de Santa Comba na elaboración dun estudo técnico de mellora das infraestruturas de abastecemento e potabilización da auga do municipio. Este é un dos resultados da reunión que esta mañá mantiveron, na sede da institución provincial, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o rexedor xalleiro, José Antonio Ucha Velo, na que participou tamén o deputado responsable da área de Economía e Facenda, Antonio Leira.

José Antonio Ucha cualificou a actual ETAP do municipio de “obsoleta”, o que está a ocasionar problemas periódicos de abastecemento na traída municipal, así como elevados gastos de mantemento e reparación das instalacións para as arcas municipais.

O alcalde explicou ao presidente provincial o proxecto do Goberno municipal de Santa Comba para levar a cabo a remunicipalización da xestión da auga, co obxecto de modernizar as actuais infraestruturas para que dean un servizo adecuado aos veciños, xa que a demanda de auga supera na actualidade a capacidade de bombeo da planta.

Neste sentido, o rexedor agradeceu a disposición do presidente para “pór a disposición do Concello os medios técnicos que nos permitan tomar as mellores decisións e efectuar unha adecuada planificación dos cambios que queremos facer para mellorar o abastecemento de auga en Santa Comba”.

Cesión da avenida de Alfonso Molina

González Formoso e Ucha Velo analizaron tamén nesta primeira reunión outros temas de interese para o municipio, como a posibilidade de cesión de tramos de estradas de titularidade provincial ao Concello. En concreto, o alcalde de Santa Comba plantexou a cesión do tramo urbano localizado na avenida de Alfonso Molina, que atravesa o centro do muncipio. Unha cuestión que o presidente da Deputación considerou de “máximo interese”, comprometéndose a estudar a viabilidade desta transferencia.

O rexedor xalleiro explicou tamén o seu proxecto para a construcción dunha senda peonil na zona de Castriz, que axudaría a incrementar a seguridade vial na zona e da que se deu traslado ao servizo de Vías e Obras da institución provincial.

21 de setembro de 2015 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.