publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Sanidade inviste 500.000 euros no novo TAC do Hospital Comarcal de Valdeorras

Visita da conselleira de Sanidade ao centro hospitalario

Visita da conselleira de Sanidade ao centro hospitalario

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou hoxe, coincidindo co inicio do seu funcionamento, a área do novo equipo de Tomografía Axial Computerizada (TAC) do Hospital Comarcal de Valdeorras, no que se investiron preto de 500.000 euros. Deste xeito, “dotarase ao centro da alta tecnoloxía necesaria para aumentar a calidade asistencial e atender de forma máis eficiente a demanda de realización das probas diagnósticas que empregan esta técnica”, asegurou Mosquera.

Esta nova dotación súmase a outras intervencións e iniciativas levadas a cabo nos últimos tempos como é a apertura de nova especialidades -Neuroloxía, Dixestivo, Endócrino, Cardioloxía e Reumatoloxía-; a ampliación do servizo de Dixestivo a Endoscopias; ou a implantación de consultas de alta resolución e teleconsultas de Cardioloxía, Dixestivo e Neuroloxía.

Tamén cabe destacar a posta en marcha da Hospitalización a Domicilio, a implantación do programa de autocontrol da anticoagulación e o inicio do funcionamento das vías rápidas de cancro de colon, larinxe, vexiga, próstata e melanoma.

Na vangarda da radioloxía

Co novo TAC Helicoidal de 16 cortes, o HCV sitúase á vangarda da radioloxía, o que lle permitirá realizar ao redor de 3.000 exploracións anuais necesarias, reducindo o tempo de duración de cada estudo, cunha maior resolución diagnóstica e menor dose de radiación para os pacientes.

O do HCV é un dos equipos de diagnóstico por imaxe de última xeración neste ámbito, o que permite realizar estudos radiolóxicos de gran precisión, nos que se obteñen imaxes volumétricas de alta resolución do paciente en tan só uns segundos, mellorando a resolutividade e capacidade diagnóstica en diferentes especialidades e patoloxías.

De feito, para un estudo TAC estándar redúcense ata un 80% as doses de radiación, menos aínda que nunha placa de tórax. Ademais, a maior velocidade permite obter imaxes con mellor calidade e cunha case completa eliminación das distorsións derivadas do movemento do paciente.

Reconstrución dixital de imaxes

Na radiografía simple, a imaxe do interior do corpo captúrase ao expoñer unha película especial aos raios X absorbidos. No TAC, esta función realízaa unha matriz helicoidal de detectores, que miden o perfil dos raios X. En cada rotación da matriz rexístranse centos de imaxes transversais, ou perfís, de apenas uns milímetros. Con todos estes perfís, unha computadora integrada reconstrúe unha imaxe final bidimensional ou tridimensional da área estudada.

Grazas á tecnoloxía helicoidal de 16 cortes/imaxes son posibles as reconstrucións bidimensionais, e mesmo 3D, o que permite visualizar os órganos, facilitando localizar lesións de apenas uns milímetros. Neste senso, o novo equipo vai mellorar a precisión diagnóstica de practicamente tódalas especialidades do HCV, desde Oncoloxía a Dixestivo, ademais de Cirurxía, Cardioloxía, etc.

Asemade, o novo TAC estará, ao igual que o resto de dispositivos do centro, integrado en IANUS, a Historia Clínica Electrónica, e co Sistema de Imaxe Corporativo, o que facilitará o seu arquivo e recuperación dixital, permitindo ao profesional ou servizo que o precise dispoñer rapidamente das imaxes ou estudios, tanto desde o propio hospital de Valdeorras como do resto de centros do Sergas.

Cómpre lembrar que o actual equipamento forma parte do contrato de Alta Tecnoloxía, que supuxo un investimento total por parte do Sergas de 88 millóns de euros, cofinanciado nun 80% pola Unión Europea, no marco do programa operativo FEDER Galicia, para mellorar a atención á cidadanía, poñendo á disposición dos profesionais da saúde as últimas técnicas diagnósticas e terapéuticas. Esta iniciativa implica a renovación tecnolóxica e incorporación de novo equipamento electromédico para a totalidade de hospitais do Sergas, co obxecto de aumentar a produtividade e a capacidade diagnóstica do Servizo Galego de Saúde.

Dentro desta mesma partida, ademais do novo TAC, o Hospital Comarcal de Valdeorras beneficiarase cun novo mamógrafo que suporá un investimento de preto de 300.000 euros e será instalado nunha sala adxunta, totalmente renovada, e unha torre de anestesia, o que permitirá a actualización tecnolóxica da dotación actual cos equipos máis modernos, precisos e seguros no control do proceso anestésico en quirófano e nos estudos mamográficos. Ademais, a dixitalización da sala de radioloxía contará cun orzamento de 70.434 euros.

Indicadores de actividade

A conselleira de Sanidade quixo destacar a “excelencia e capacidade de traballo dos profesionais sanitarios do centro que se reflicte nos indicadores de calidade dos últimos cinco anos”. Neste senso, entre 2009 e xuño de 2015, a espera media cirúrxica neste hospital reduciuse en 29 días, pasando de 48,5 días en 2009 a 19,5 días en xuño de 2015.

Segundo explicou Mosquera, no que se refire á espera por prioridades “os resultados son magníficos, acadando os obxectivos por ampla marxe”. Así, os pacientes con prioridade 2 esperan un promedio de 14,5 días, e os de prioridade 1, tan só 4 días. “Nestas dúas prioridades tedes os mellores resultados de Galicia”, asegurou a conselleira.

Canto ás consultas externas, tamén se reduciu moi significativamente o tempo que teñen que esperar os pacientes para unha primeira consulta de enfermidade, pasando de 42 días en 2009 a 18,2 a 30 de xuño deste ano, é dicir, 24 días menos.

1 de setembro de 2015 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.