publicidade hoxe

A Consellería de Benestar traballa coas áreas máis afectadas pola despoboación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgolada
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar está a desenvolver catro encontros para trasladar ás áreas de Galicia máis afectadas polo despoboamento as conclusións acadadas no proxecto Symbios, que analizou os desafíos do cambio demográfico e as súas consecuencias no benestar e na inclusión social das persoas, centrándose na análise do fenómeno da exclusión territorial. Con estes encontros, preténdese traballar de xeito participativo para contrastar sobre o terreo as conclusións do proxecto e enriquecelas con novas propostas de mellora da realidade actual dos territorios máis afectados polo declive demográfico.

A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, presidiu hoxe o encontro que tivo lugar en Agolada e ao que acudiron técnicos que traballan na zona do interior centro de Galicia que agrupa aos 21 concellos das comarcas do Deza, A Ulloa, Chantada e O Carballiño. No encontro abordáronse as leccións aprendidas ao longo deste proxecto, tales como a identificación da exclusión territorial como un factor de vulnerabilidade social dos habitantes dos territorios rurais e illados; a necesidade de innovar e repensar os servizos para poder atender ás necesidades nun territorio cunha poboación tan dispersa como a de Galicia; ou a importancia da colaboración entre a Administración, as universidades, as entidades de iniciativa social, o sector privado e a sociedade civil en xeral para poder facer fronte ás consecuencias do cambio demográfico de xeito efectivo, implicando á cidadanía.

Ademais do encontro que tivo hoxe en Agolada, esta iniciativa comezou co encontro celebrado onte en Pedrafita do Cebreiro (Lugo), e haberá outro mañá en Vimianzo (A Coruña) e un cuarto o luns en Celanova (Ourense).

A directora xeral apelou á importancia da inclusión territorial, explicando que é necesario loitar contra o desequilibrio de oportunidades para que os veciños e veciñas das zonas rurais non se atopen con maiores dificultades para levar un proxecto de vida equiparable ao das áreas urbanas.

A inclusión territorial é unha prioridade transversal e eixo vertebrador na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020 e é tamén un dos factores que se valoran na orde de axudas para entidades de inclusión, que este ano conta con 5,2 millóns de euros, un 40 por cento máis que o ano anterior. Así mesmo, destacou que a nova carteira de servizos de inclusión, pioneira en Galicia, incluirá un novo servizo de intervención comunitaria en territorios en exclusión para mellorar a dinamización destes lugares e a súa poboación.

Ademais, para loitar contra a exclusión territorial, as rexións europeas que participan en Symbios levan a traballar desde o ano 2012 neste eido a través da posta en valor da cultura e o medio rural; a concienciación do problema demográfico; o reforzo do espírito emprendedor e creativo que sexa capaz de aproveitar as oportunidades do medio rural; a aposta por un desenvolvemento sostible; a implantación dun modelo rural propio; a aposta pola economía social e o cooperativismo como fórmula empresarial axeitada ás características do rural; o fomento do intercambio interxeneracional; e a superación da brecha dixital.

Obxectivos de Symbios

O proxecto europeo, no que toma parte Galicia desde o ano 2012 e que rematará a finais deste ano, contou con dous obxectivos principais: coñecer con maior profundidade as causas e consecuencias da crise demográfica que vive na actualidade a sociedade europea e debater sobre as políticas máis axeitadas para darlle unha resposta a esta crise. Symbios permitiu o intercambio de experiencias, a suma de forzas e o traballo conxunto con outros países e rexións da UE. Ao longo deste programa desenvolveuse unha primeira fase de análise técnico e unha segunda na que as protagonistas foron as iniciativas locais identificadas como exitosas na súa abordaxe das consecuencias do cambio demográfico e na loita por superar a exclusión territorial.

Ademais da Xunta de Galicia, colaboran co proxecto Symbios outras entidades galegas como o Instituto de Desenvolvemento Económico de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC); o Instituto Galego de Estatística (IGE); a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER); o colexio de Traballo Social de Galicia; e a rede de centros de desenvolvemento rural (COCEDER). Ademais, forman parte activa do proxecto os socios do Consello Rexional de Carelia do Norte de Finlandia, a Universidade de Tràs-os-Montes e Alto Douro de Portugal, a Universidade Zuyd de Ciencias Aplicadas de Holanda e o University College Cork de Irlanda.

En definitiva, Symbios naceu para abordar o estudo, o intercambio e a aprendizaxe sobre os desafíos do cambio demográfico e as súas consecuencias no benestar e na inclusión social das persoas e dos territorios, especialmente intensas nas áreas rurais.

24 de setembro de 2015 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.