publicidade hoxe

A concelleira delegada de Servizos Sociais participará na asemblea do Fondo Galego de Cooperación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Rocío López, concelleira delegada da área de servizos sociais, participará mañá martes en Santiago de Compostela na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello da Laracha. Na xuntanza, que dará comezo ás 12:00 horas na sede da Fegamp, someterase a aprobación a composición da nova Comisión Executiva, conformada por representantes de distintas administracións locais e provinciais. Péchase así o ciclo 2011-2015 e ábrese a lexislatura 2015-2019 da rede solidaria do municipalismo galego, polo que se trata dun encontro clave para incorporar a defensa dos Dereitos Humanos na axenda local.

Representantes dos 85 concellos e das dúas deputacións que fan parte do Fondo Galego están chamados a participar na sesión, que arrincará co balance dos últimos catro anos, presentado pola presidenta en funcións, Teresa París. Votarase logo a renovación orgánica, para dar paso por último ao apartado de rogos e preguntas. Neste punto, exporanse as opinións ao respecto da actual crise migratoria e de persoas refuxiadas, que ademais servirán de guía para tomar futuras decisións neste senso. O Fondo Galego xa publicou unha declaración institucional arredor desta cuestión e tamén o Concello da Laracha anunciou a súa disposición para, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Fegamp, acoller refuxiados ofrecéndolles temporalmente aloxamento en instalacións municipais, así como todos os servizos e infraestruturas que están a disposición dos veciños do municipio. 

O Fondo Galego 

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

28 de setembro de 2015 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.