publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Casa Pasarín na Fonsagrada será rehabilitada para convertela en albergue de peregrinos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaLocal Portada
A-
A+
Raquel Arias na rolda de prensa

Raquel Arias na rolda de prensa

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, anunciou hoxe que xa está en marcha o proxecto de rehabilitación da coñecida como Casa Pasarín, no concello da Fonsagrada, para a súa conversión en albergue de peregrinos. Arias explicou que Turismo de Galicia publica hoxe mesmo a licitación desta obra, que conta cun orzamento de preto de 648.000 euros e un prazo de execución de 12 meses. Estas obras, sinalou a delegada, “concretan xa un dos compromisos anunciados polo presidente da Xunta no acto conmemorativo da Declaración como Patrimonio Mundial da Unesco dos Camiños do Norte”.

A casa Do Pasarín, ou Palacio de Pena María, é propiedade da Xunta de Galicia e sitúase en pleno casco vello da Fonsagrada, no propio Camiño Primitivo que conduce a Santiago. Trátase dun edificio catalogado que forma parte do patrimonio cultural da vila. A casa está composta por planta baixa, piso, e fallado cunha superficie de 744 metros construídos (e 500 útiles).

Coa construción deste novo albergue cumprirase un triplo obxectivo, segundo afirmou Raquel Arias, “preservar e recuperar o patrimonio, dar solución as necesidades dos peregrinos ao seu paso pola Fonsagrada e contribuír a dinamizar a economía da vila”.

A delegada lembrou que nestes momentos está tamén en fase de licitación a contratación da obra relativa ao proxecto de construción e acondicionamento do Camiño Primitivo, por un importe de 572.000 euros.

Neste sentido, subliñou que se está a actuar en todos os ámbitos para “ dispoñer dunha rede perfectamente estruturada e habilitada para a acollida aos camiñantes”, en consonancia coa crecente relevancia que vai alcanzado o Camiño Primitivo.

Datos de peregrinos

Galicia recibiu no 2014 un total de 237.886 peregrinos, un 10,19% mais que no ano anterior segundo os rexistros elaborados pola oficina de acollida ao peregrino. Destes peregrinos máis de 8.000 escolleron o Camiño Primitivo.

No que vai deste ano 2015 xa chegaron a Santiago de Compostela un total de 201.332 peregrinos, o que supón un récord histórico. Deses peregrinos 8.951 elixiron o Camiño Primitivo.

A comunidade conta con 70 albergues nas diferentes rutas, con 3.278 prazas. En 2014 Turismo de Turismo de Galicia adxudicou 500.000 euros a acometer obras de mellora neles.

“A dotación destas prazas de aloxamento, así como o feito de contar con prazas adaptadas a persoas con diversidade funcional fai da infraestrutura de aloxamento galega unha rede digna dun Patrimonio Mundial”, concluíu Arias.

9 de setembro de 2015 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.