publicidade hoxe

A Caravana da Marcha Mundial das Mulleres parará en San Sadurniño o vindeiro martes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Caravana Feminista da cuarta acción internacional da Marcha Mundial das Mulleres chegará a San Sadurniño o martes da semana que vén, día 6 de outubro, na que é a recta final dun itinerario reivindicativo iniciado o pasado 8 de marzo no Kurdistán. De feito, a caravana rematará en Portugal o seu percorrido o día 17, cadrando coa celebración do Día Internacional da Loita contra a pobreza. A parada no noso concello virá cargada de actos, que empezarán cun recibimento na Casa da Cultura sobre as 11.30h. para pasar despois á presentación desta acción internacional e á exposición de distintas experiencias de empoderamento feminino desenvolvidas en San Sadurniño.

Será o equipo de coordinación da Marcha Mundial das Mulleres en Ferrolterra quen faga unha breve introdución aos obxectivos da marcha e da caravana que percorre Europa de leste a oeste desde marzo. Os principais son os de visibilizar as distintas loitas e resistencias políticas, económicas, culturais e sociais das mulleres, así como conectar os movementos que as levan a cabo. De aí que, cara ás 12.00h., se exporán algunhas das experiencias levadas a cabo nestes últimos meses, marcados en grande medida pola crise migratoria siria.

Porén, a chegada da Caravana Feminista da MMM a San Sadurniño non é casual, senón que é un referente en programas que promoven tanto a igualdade de xénero como o empoderamento da muller na sociedade. Os plans de Igualdade de Oportunidades, Tempos para compartir, Fálame de San Sadurniño e outras iniciativas pensadas por mulleres, deseñadas por mulleres e executadas maiormente por mulleres, serán abordadas pola técnica de Igualdade Verónica Rodríguez e por Carmen Suárez, responsable da Aula CeMIT, como contextualización da transformación que se está producindo no rural e do que aínda queda por avanzar. Esta intervención virá secundada pola exposición ás 13.00h. de tres proxectos concretos: “Teño unha horta en San Sadurniño” con Cruz Piñón, Lucía Pita e Consuelo Picos; “Medio Rural. Contacto coa vida”, con Matilde Ramos e, por último, a obra fotográfica colectiva “Miradas Novas” nacida dun obradoiro impartido polo fotógrafo Gabriel Tizón.

Para as 14.15h. está previsto facer un xantar de convivencia entre todas as persoas participantes no encontro. Ao seu remate visitaranse a exposición sobre traxe galego que hai na Casa do Concello, a horta de froiteiras do país Carlos Fornos e o paseo fluvial.

A Caravana Feminista da Marcha Mundial das Mulleres sairá ás 18.00h. con destino a Narón, onde se desenvolverá unha palestra sobre ecofeminismo. Ao día seguinte, o 7 de outubro, estará en Betanzos e máis na comarca de Santiago. Finalizará o seu percorrido o 17 de outubro en Portugal, cadrando co Día Internacional da Loita contra a pobreza. 

Os actos son abertos, pero aquela persoa que queira quedar ao xantar e participar nas visitas guiadas da tarde debe inscribirse antes chamando ao 981 490 027 (ext.1) ou enviarlle un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.dicoruna.es. Porén, na Caravana Feminista tamén se pode participar facendo algún tramo do percorrido, ou todo. Nese caso existe un formulario de contacto a través do que apuntarse.

30 de setembro de 2015 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.