publicidade hoxe

A biblioteca de Soutomaior inicia os seus clubs de lectura, idiomas estranxeiros e lectura fácil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

Os clubs de lectura da Biblioteca Municipal de Soutomaior en Arcade volven á actividade despois do verán. Trátase dunha iniciativa cultural que pretende fomentar e desenvolver valores como a tolerancia, o respecto á palabra e ás ideas mediante a lectura e o debate literario. Os membros de cada club reúnense dúas veces ao mes ao redor dun libro cuxo título se acordou con anterioridade para compartir as ideas, sensacións e opinións que xorden ao redor do texto seleccionado co resto dos compañeiros, e mesmo se é posible, co propio autor.

Para o Club de lectura en Inglés propúxose a obra “All creatures greart and small”, de James Herriot. Este grupo reúnese sempre os xoves, a partir das 19:00 horas, cada dúas semanas, e comeza o 1 de outubro co primeiro encontro coa coordinadora.

No caso do Club de Lectura en Francés, coordinado por Isabelle Nowak, as reunións celébranse o primeiro e terceiro luns de cada mes, ás 19:00 horas. O libro proposto para este primeiro ciclo “Et si c’etait vrai”, de Marc Levy. Este club arrinca o luns 5 de outubro.

Por último, para o club de lectura en castelán/galego seleccionouse a obra “O adversario”, de Emmanuel Carrére.  Os libros repartiranse a partir do 28 de setembro. Este grupo, dirixido por Eva Rodríguez, alterna mensualmente o idioma e reúnese o último mércores de cada mes ás 18:30 horas.

Hai 15 prazas dispoñibles por club e é necesario inscribirse previamente para poder asistir. Cada club está coordinado por un experto na materia con moitos anos de experiencia e que ademais o fan en réxime de voluntariado filólogas, profesoras, tradutoras. No caso das linguas estranxeiras, debido á complexidade dos textos propostos, aconséllase dispor dun nivel intermedio-alto no idioma seleccionado.

Club de Lectura Fácil

Un dos clubs que mellor acollida está a ter, en parte porque a Luís Seoane de Arcade é das poucas bibliotecas que o organiza en Galicia, é o de Lectura Fácil. Trátase dunha nova iniciativa destinada a favorecer a inserción social utilizando a lectura como ferramenta de integración de novos cidadáns e persoas de fala estranxeira ou con dificultade lectora mediante textos sinxelos e de fácil comprensión.

Os destinatarios do club son persoas en fase de aprendizaxe do idioma, discapacitados, novos, persoas maiores de baixa escolarización e en xeral a todas aquelas que en xeral desexen gañar fluidez na práctica do castelán ademais de mellorar as súas capacidades lectoras e de expresión oral.  Os encontros durante este curso realizaranse os martes alternos, de 11 a 12 horas na primeira planta da biblioteca, comezando polo próximo 6 de outubro para o que se seleccionou a obra “As aventuras de Tom Sawyer”, de Mark Twain.

29 de setembro de 2015 | 10:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.