publicidade hoxe

A Biblioteca de San Sadurniño reedita o seu club de lectura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Ler un libro na casa e despois xuntarse con outras persoas para comentalo. Esa é, a grandes trazos, a filosofía dun club de lectura. A Biblioteca Municipal leva tempo xuntando persoas adultas con inquedanzas pola literatura e a cultura para propoñerlles títulos sobre os que afondar e debater. Agora o clube retoma a actividade mantendo a dinámica do ano pasado: fíxase un día para reunirse e elixir o libro que se vai ler, márcanse os capítulos que se lerán durante a semana e, na seguinte xuntanza, fálase e opínase unicamente sobre o que se acordou ler. Quen queira formar parte co clube pode pasar polas tardes pola biblioteca.

En realidade os libros son o arranque dun xeito diferente de compartir experiencias con outras persoas e de facer amizades cos mesmos intereses. Pero, ademais, o clube tamén axuda a descubrir outros puntos de vista sobre un mesmo texto, de maneira que o acto íntimo e intrasferible da lectura se ve enriquecido coas achegas dos demais. 

Para participar no club de lectura da Biblioteca Municipal só hai que pasar por alí e apuntarse ou ben contactar con ela a través da páxina en Facebook “Lendo en San Sadurniño”. A biblioteca está aberta de luns a venres entre as 15.30 e as 20.30h. As persoas participantes acordarán as datas de reunión e os horarios tan pronto como se forme o grupo.

Este servizo municipal situado no primeiro andar da Casa da Cultura conta cuns fondos próximos aos 12.000 títulos entre libros, películas, arquivos de son e outros documentos. Forma parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia que, nos últimos tempos, incorporou a posibilidade de emprestar libros electrónicos tanto en Galego como en Castelán a través da plataforma Galicia Le. 

Por outra banda, a Biblioteca tamén é o principal referente nas campañas de animación á lectura, posto que durante o ano organiza lecturas conxuntas, obradoiros e presentacións, cadren ou non con datas como o 17 de maio ou o 23 de abril. Unha actividade que en grande parte se centra na infancia e na mocidade en coordinación co colexio público e outros departamentos do Concello.

16 de setembro de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.