publicidade hoxe

Uns 40 cativos participan nos cursos de natación da piscina de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Clases na piscina de San Sadurniño

Clases na piscina de San Sadurniño

A piscina municipal está tendo neste verán atípico unha das mellores temporadas que se lembran en canto a ocupación. Nas tardes de calor aquilo é un enxame de xente na procura de refresco entre baño e baño de sol. Pero pola mañá tamén hai moito movemento por causa dos cursos de natación que se ofrecen. Neles pode aprender quen aínda non sabe nadar, quen sabe flotar pode empezar a dar as primeiras brazadas e quen se defende ben na auga pode perfeccionar o seu estilo. As prazas están ocupadas por nenos e nenas con idades a partir dos tres anos. Hai 42 participantes e outros 6 en lista de agarda por se quedasen prazas libres nalgún dos catro grupos que se organizaron.

As sesións de aprendizaxe comezan ás 11.15h. co grupo de perfeccionamento. Aínda que non teña nada que ver del forman parte as nenas e nenos maiores -10 a 13 anos, máis ou menos- posto que xa teñen participado en cursos anteriores ou teñen aprendido a nadar pola súa conta. O obxectivo neste grupo é mellorar a técnica en cada estilo e por iso a monitora centra as clases en ensinarlles a importancia do quecemento previo, os movementos básicos e o xeito de respirar. Outro dos cometidos da clase é a corrección dos erros que se cometen habitualmente cando se aprende por libre. 

As clases duran 45 minutos e combinan case a partes iguais práctica e xogo. É máis, as sesións están concibidas como un xogo en si mesmo (que é como mellor quedan as cousas na cabeza) sobre todo nos grupos de iniciación 1 e 2 e no de adaptación á auga. Son os nenos e nenas máis pequenos. En iniciación -dous grupos de 12 a 12.45 e de 12.45 e 13.30 h.- a cuestión é ganar confianza na auga, conseguir flotar e empezar a moverse. Por outra banda, en adaptación -de 13.30 a 14h.- o protagonismo é para os nenos e nenas de tres anos en diante. O obxectivo principal do baño é que se afagan de novo a un medio que, curiosamente, non lles era extraño xusto despois de nacer. 

Os cursos desenvólvense pola mañá para non interferir nos baños libres da tarde. A piscina abre de luns a venres entre as 15 e as 21 horas. Os sábados, domingos e festivos o horario amplíase das 12 ás 21 horas. No mes de setembro estará aberta de 16 a 21 h. Os prezos dos cursos para menores de 14 anos son de 9,52 euros mensuais e para as persoas adultas de 19,04 euros, aínda que nestes momentos non hai máis prazas dispoñibles. As entradas individuais diarias para baños libres sitúanse en 3,17 euros para persoas adultas e en 1,59 para menores de 14 anos. Existe a posibilidade de sacar un abono para toda a temporada con prezos que van desde os 15,87 euros que se pagarían por un neno ou nena (25,39 persoas maiores de 14 anos) ata os 38,05 dos abonos dos que poden beneficiarse familias de ata 4 persoas e cun incremento de 3,17 euros sobre este prezo por cada membro a maiores. As entradas individuais diarias poden sacarse na cantina da piscina mentres que os abonos hai que adquirilos na Casa da Cultura en horario de mañá.

4 de agosto de 2015 | 12:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.