Últimos días para presentar poemas ao IX Certame de Poesía Antón Zapata García
Dende o Departamento de Cultura, lembramos que estamos nos últimos días para a finalización do prazo (remata o venres 14 de agosto) para presentar poemas aspirantes a gañar o IX Certame de Poesía Antón Zapata García que, por noveno ano consecutivo, celebramos no noso concello, co motivo de promover a figura do poeta Antón Zapata García, orixinario destas terras, así como para impulsar o desenvolvemento da poesía como parte importante da nosa cultura.
Lembramos que o Certame está aberto a todos os veciños e veciñas do lugar, así coma a todas ás persoas que, alleas ó Concello de Laxe, desexen participar, podéndose inscribir nas categorías de infantil, xuvenil e adulta ata o próximo luns 18 de agosto ás 12:00 horas.
As bases para participar no Certame, poden recollerse directamente nas oficinas xerais, de Cultura e Turismo do Concello de Laxe ou ben, consultalas e descargalas directamente na nosa páxina web: http://www.concellodelaxe.com.
O resultado do xurado darase a coñecer o sábado 22 de agosto no acto coñecido como Solpor Poético, que terá lugar, se o tempo o permite, no marco incomparable da Praia dos Cristais de Laxe a partir das 20:00 horas. Durante o mesmo, o concello fará entrega dos premios aos/ás gañadores/as do certame, que este ano consistirán en: diploma acreditativo da súa condición de gañador/a do certame e nun cheque nominativo por valor de 100 € a invertir en bibliografía que se canxeará na Librería Torre Penedo de Laxe durante o restante mes de agosto.
Como vén sendo costume nesta tarde-noite de solpor, contaremos cunha actuación de corte musical e poético que protagonizará o cantautor galego Xoán Curiel co seu espectáculo Novas no que, conxugará música e poesía, acompañado de guitarras, teclado, acordeón, contrabaixo. Interpretará tamén algún poema musicado do poeta laxense homenaxeado con esta iniciativa, Antón Zapata García.