publicidade hoxe

Tres veciñas de San Sadurniño mostran con videotutoriais nas redes sociais como facer sinxelos labores agrícolas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

“Teño unha horta en San Sadurniño” é o nome dun proxecto iniciado pola Aula CeMIT co que se busca difundir e compartir o coñecemento e a experiencia das mulleres maiores en relación cos traballos no campo. Con móbiles ou cámaras van deixando constancia filmada dos labores agrícolas que fixeron toda a vida. Son vídeos sinxelos e curtos, pero que atesouran un saber de séculos que as xeracións máis novas descoñecen na súa maioría. Esta é a razón de que ademais das mulleres tamén participen na produción persoas máis novas do seu entorno. A idea forma parte da iniciativa de innovación social dixital CeMIT-Innova, impulsada pola AMTEGA e a FUNDETEC. Xa hai tres pezas publicadas coas que podemos aprender a sementar xudías e poñer leitugas e tomates. 

O de San Sadurniño é un dos dez centros piloto da rede CeMIT que participan no proxecto que, neste caso concreto, se centra na posta en valor do coñecemento, a tradición e as posibilidades do medio rural implicando na creación audiovisual a mulleres maiores de 55 anos. As tres primeiras voluntarias foron Lucía Pita, Consuelo Picos e Cruz Piñón e os seus vídeos están dispoñibles desde hai uns días na canle de youtube Teño unha horta en San Sadurniño, ou ben a través de Falamedesansadurnino.org.

Lucía Pita -coñecida en Naraío como Lucita de Ernesto- explica no seu vídeo como se deben poñer as leitugas e como cómpre preparar antes a terra. Un labor moi parecido ao que conta Cruz Piñón na peza que fixo canda ao seu fillo Roberto a xeito de vídeo-tutorial sobre o trasplante das tomateiras que ela puxo na súa horta de Ferreira. O terceiro vídeo protagonízano en Igrexafeita Consuelo Picos e as súas netas Elvia e Birtukan, quen preparan para a cámara un semilleiro de feixóns -nome normativo que establece a RAG para as xudías de toda a vida- que despois se levarán á terra para guialas e que empecen a producir. 

Os tres vídeos son só o comezo, posto que Cruz, Consuelo e Lucita irán facendo un seguimento audiovisual do traballo que cómpre facer na horta ata a colleita, como son a monda das malas herbas, o tratamento con cobre -se for necesario- ou o entitorado no caso das tomateiras e os feixóns. 

Estas mulleres son as protagonistas dunha idea concibida como proxecto piloto que aspira a asentarse definitivamente de cara ao ano que vén con máis participantes e con contidos máis variados. “Teño unha horta en San Sadurniño” encádrase na iniciativa CeMIT-Innova posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia -da que dependen as aulas- e a FUNDETEC, a Fundación para o Desenvolvemento Infotecnolóxico de Empresas e Sociedade. 

CeMIT-Innova integra 10 proxectos que están traballando conxuntamente co obxectivo de compartir coñecemento e de elaborar unha guía metodolóxica que facilite a inclusión social dixital.

5 de agosto de 2015 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.