publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Soutomaior presenta o seu programa de festexos e actividades para agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

O Concello de Soutomaior pon en marcha o seu programa de festexos e actividades para este mes de agosto. Unha programación que destaca polas súas propostas ao aire libre e que inclúe iniciativas dirixidas a todos os públicos. Algunhas das propostas xa están en marcha, como a XX Mostra de Artistas da Bisbarra, e prolongaranse durante todo este mes.

As actividades comezarán mañá, ás 17:00 horas, coa II Festa da Familia no Peirao de Arcade. Unha celebración familiar chea de xogos, música, inchables, atraccións acuáticas e a esperada festa da espuma. O mércores, a partir das 20:00 horas na alameda de Tallo Río, a compañía Trasgo Sico representará o seu espectáculo máxico-musical “animagicus” dirixido aos máis pequenos da casa.

O fin de semana chega a quenda das celebracións relixiosas. O xoves, día de San Salvador, celebrarase unha misa e procesión na igrexa parroquial de Soutomaior coa posterior actuación da Banda de Música Artística de Arcade. O venres 7, día de San Caetano, os festexos comezarán ás nove da mañá cunha misa e a tradicional procesión até o Castelo de Soutomaior, nesta ocasión acompañada polo Grupo Folclórico Soutomaior. A continuación celebraranse dúas misas na capela do castelo, ás 10:30 e 12:00 horas. Ese mesmo día, a partir das 22:00 horas, o Campo de San Benito de Romariz acollerá unha velada destinada ao humor protagonizada polo famoso dúo da TVG “As Cantareiras de Ardebullo”.

O fin de semana centrarase no deporte e o cine. O sábado 8 a xornada terá dous grandes atractivos, ás once da mañá comezarán a disputarse as finais do torneo de Tenis e Padel Soutomaior no pavillón da Montesiña. Pola noite, a partir das 22:30 horas, a alameda Tallo Río acollerá outra sesión de cine ao aire libre, nesta ocasión coa película “Ocho apellidos vascos”. O domingo é a quenda do motor cunha nova edición da clásica Concentración de Seat 600, partir das 11:00 horas no Peirao de Arcade. Pola noite, 22:30 horas, o cine volve a Tallo Río co filme Maléfica.

Actividades xuvenís

Os días 10, 11 e 12 celebrarase o encontro xuvenil “FANTASTIC SOU… tomaior”. Unha actividade de tres días consecutivos de acampada, cheos de actividades, xogos, concursos e noites con música en directo. O obxectivo desta actividade é promover un espazo de encontro entre a mocidade do municipio onde poidan compartir actividades lúdicas, educativas e divertidas que reforcen valores como a convivencia e o respecto.

A actividade está dirixida a nenos nados entre os anos 1998-2003 e celebrarase no Campo de Fútbol do Salgueirón do 10 ao 12 de agosto. O prazo de inscrición termina o 24 de xullo ou cando se cubran as 30 prazas dispoñibles. O custo da matrícula é de 20 euros para os empadroados, 75 para o resto de participantes, e comprende a participación nas actividades guiadas por monitores profesionais, o material e a manutención completa.

Para finalizar o mes, a Oficina de Información Xuvenil organiza unha nova saída en Kaiak para toda a familia. Unha xornada de descanso activo coa illa de San Simón como destino. A ruta durará oito horas e discorrerá pola contorna natural de Soutomaior de man de monitores profesionais. A visita será o 30 de agosto polo que o prazo de inscrición termina o día 30 de xullo ou até cubrirse as 37 prazas dispoñibles. O prezo é de 12 euros para os empadroados e de 24 para o non inscritos neste rexistro municipal, o custo inclúe o material, a travesía, o picnic…

Os interesados en recibir máis información e formalizar a inscrición nalgunha destas actividades poden facelo chamando ao teléfono 986 700 822 ou nas oficinas da OMIX, no edificio multiusos de Arcade de 09:00 a 14:00 horas de luns a venres.

3 de agosto de 2015 | 20:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.